miércoles, 8 de febrero de 2023

PLAN DE FORMACIÓN PARA O EMPREGO 2023-2024

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 3 de xaneiro de 2023 pola que se establecen, para o período 2023-2025, as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación para o emprego (persoas traballadoras ocupadas) e se realiza a súa primeira convocatoria para os exercicios 2023-2024 (código de procedemento TR302A).

Obxecto e ámbito de aplicación
1. A orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas do Plan de formación para o emprego dirixido a persoas traballadoras ocupadas xestionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade (procedemento TR302A).
Tamén poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que para tales efectos se determinan nos artigos 27 e 28 da orde de bases reguladoras.
2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2023-2025. Coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o período 2023-2024.

Finalidade
1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto na orde de bases reguladoras terán como finalidade o financiamento de programas de formación destinados á cualificación profesional das persoas traballadoras ocupadas, e estarán dirixidos á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, ás necesidades de adaptación aos cambios operados no posto de traballo e ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal das persoas traballadoras, de forma que as capacite para o desenvolvemento cualificado da profesión e lles permita mellorar a súa empregabilidade.
2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, e de acordo co establecido no artigo 4 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Entidades solicitantes
1. Poderán solicitar as subvencións a que se refiren as bases reguladoras as entidades que sexan titulares de centros ou entidades de formación inscritos para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral da Comunidade Autónoma de Galicia naquelas especialidades formativas para as cales soliciten subvención, xa sexa na modalidade presencial, de teleformación ou mixta.
As entidades disporán dun prazo máximo de dez días hábiles desde a data de entrada en vigor da orde de convocatoria para, no caso de non estaren dadas de alta, inscribirse no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia para impartiren as especialidades formativas solicitadas e pagar, de ser o caso, a correspondente taxa previa á inscrición.
As entidades non inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia para impartir especialidades formativas do Catálogo de especialidades na modalidade de teleformación deberán, con carácter previo á presentación da solicitude de subvención e no prazo máximo de dez días hábiles desde a data de entrada en vigor da orde de convocatoria, achegar a documentación acreditativa da súa inscrición no rexistro estatal, con indicación expresa da data en que esta tivo lugar, á conta de correo electrónico sx.formacionemprego@xunta.gal
2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas para impartir a especialidade formativa no Rexistro de Centros e Entidades de Formación da Comunidade Autónoma de Galicia ou, se a formación se imparta total ou parcialmente na modalidade de teleformación, no Rexistro Estatal de Entidades de Formación, regulado na Orde TMS/369/2019, do 1 de abril.
3. As entidades deberán dispor, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, das instalacións debidamente inscritas que permitan a impartición das actividades presenciais das acciones formativas solicitadas.
De ser o caso, os centros presenciais vencellados a entidades inscritas para impartir especialidades formativas na modalidade de teleformación deberán estar localizados na Comunidade Autónoma de Galicia e inscritos para impartir a correspondente especialidade na data establecida no artigo 5.1 da orde de bases. Ditos centros non se poderán modificar durante o desenvolvemento da acción formativa.

Prazo de presentación das solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día da entrada en vigor da orde.