jueves, 2 de febrero de 2023

AXUDAS PARA O SECTOR EDITORIAL GALEGO 2023

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 10 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2023, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento CT238A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvención a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde, para o que deberán estar dadas de alta antes do 1 de xaneiro de 2023, na epígrafe 476.1 edición de libros, do imposto de actividades económicas e que conten, tamén antes da citada data, cun departamento de edición en Galicia, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT238A).
As axudas van dirixidas á apoiar o sector editorial galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e distribuídas entre o 1.1.2022 e o 31.10.2023.
Para os efectos da presente orde, considéranse gastos de edición, os de autoría, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización ou calquera outro gasto de similar natureza.
Distribución: transporte e calquera actuación que permita a chegada da obra aos canles de difusión, sexan físicos ou dixitais.
Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.
Só se financiarán os gastos realizados que respondan de xeito directo e indubidable á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para a súa realización.
De acordo co artigo 31.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, a empresa beneficiaria da subvención deberá xustificar que os gastos subvencionables deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial de aplicación ou, no súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, de morosidade nas operacións comerciais.
Polo menos a maquetación, impresión e distribución deberá estar realizada no período indicado no parágrafo segundo deste artigo.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar a dita subvención para o ano 2023.

Entidades beneficiarias
• Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 1, isto é, persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras de acordo co establecido na presente orde.
• Non se poden beneficiar das axudas recollidas nesta orde aqueles solicitantes que se atopen nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.