viernes, 10 de febrero de 2023

CURSOS DE LINGUA GALEGA PREPARATORIOS DAS PROBAS PARA OBTER OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA CELGA 2, CELGA 3 E CELGA 4

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega (Celga), niveis 2, 3 e 4, que se indican nos anexos I (cursos presenciais) e II (cursos en liña).

Persoas destinatarias
1. Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega (Celga) poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.
2. Para conseguir o rendemento axeitado e o aproveitamento dos cursos hai que procurar a homoxeneidade dos coñecementos do alumnado. Polo tanto, ao solicitar o curso dun determinado nivel Celga, a persoa interesada deberá ter en conta a definición de contidos correspondente a ese nivel prevista na Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo (corrección de erros no DOG núm. 178, do 13 de setembro).

Solicitudes e prazo de inscrición
1. As persoas que desexen participar nestes cursos deberán acceder ao enderezo electrónico https://formacion-lingua.xunta.gal, seleccionar o curso que desexen e cubrir a solicitude de inscrición. Non serán admisibles outras formas de presentación das solicitudes. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na Secretaría Xeral de Política Lingüística unha vez que se complete correctamente o proceso de inscrición.
2. Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso. Do contrario, quedará automaticamente excluída do proceso de selección. A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes tamén dará lugar á exclusión automática, así como a presentación de solicitudes fóra de prazo.
3. As persoas solicitantes dun curso en liña, deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:
– Un ordenador con conexión á internet (de banda larga).
– Un navegador web (recoméndase ter instalada a última versión de Firefox).
– Acceso á conta de correo electrónico especificada na solicitude de inscrición.
– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz en formato electrónico (mp3 ou equivalente).
4. No caso daquelas persoas con necesidades educativas especiais que precisen apoio para realizar un curso presencial, indicarán na súa solicitude de inscrición o apoio concreto que necesitan, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
5. O prazo de presentación das solicitudes de inscrición será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.