martes, 14 de febrero de 2023

PROBAS PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE GRADUADO EN EDUCACIÓN SECUNDARIA OBRIGATORIA PARA MAIORES DE 18 ANOS

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria para maiores de dezaoito anos nas convocatorias de maio e setembro, e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED540A).

Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Ter feitos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2022/23 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria, nin nas de formación profesional básica.
4. O alumnado matriculado durante o curso 2022/23 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
4.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 6 de marzo ao 16 de marzo de 2023, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 3 de xullo ao 10 de xullo de 2023, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel nos centros educativos que se especifican no punto 3 ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (código de procedemento ED540A) que figura como anexo I dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
3. As persoas aspirantes formalizarán a súa inscrición nun dos seguintes centros que constituirán tribunais para a avaliación das probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria obrigatoria:
a) A Coruña:
– Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15011 A Coruña.
b) Ferrol:
– Centro EPA Santa María de Caranza, rúa Luis de Requeséns, s/n, 15406 Ferrol.
c) Santiago de Compostela:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Rosalía de Castro, rúa San Clemente, 3, 15705 Santiago de Compostela.
d) Carballo:
– IES Isidro Parga Pondal, rúa Muíño da Pintura, 15100 Carballo.
e) Lugo:
– Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
f) Ourense:
– Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
g) Pontevedra:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Frei Martín Sarmiento, avenida de Vigo, 23, 36003 Pontevedra.
h) Vigo:
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «A» e a letra «L»: Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º, 36202 Vigo.
– Alumnado co primeiro apelido entre a letra «M» e a letra «Z»: IES Santa Irene, praza de América, 7, 36211 Vigo.
i) O Porriño:
– IES Ribeira do Louro, rúa Ribeira, s/n (Torneiros), 36410 O Porriño.
j) Tui:
– IES Indalecio Pérez Tizón, avenida da Concordia, s/n, 36700 Tui.
k) Vilagarcía de Arousa:
– IES Armando Cotarelo Valledor, rúa Armando Cotarelo Valledor, 4-6, 36611 Vilagarcía de Arousa.
4. Cando nos centros autorizados o número de persoas matriculadas exceda a capacidade dos espazos dispoñibles para realizar a proba, a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades que corresponda establecerá o centro ou centros en que os matriculados realizarán a proba.
5. No suposto anterior, o centro en que se formalice a matrícula elaborará listaxes definitivas de admitidos diferenciadas para cada centro no que deben presentarse para realizar as probas. As listaxes organizaranse seguindo criterios de orde alfabética, por grupos de letras.
6. Para a realización das probas, a Dirección Xeral de Formación Profesional poderá agrupar nun único tribunal os aspirantes inscritos en dous ou máis centros, en caso de que o seu número non xustifique a creación dun tribunal.