martes, 14 de febrero de 2023

PROBAS PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE VINTE ANOS

  CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización (código de procedemento ED534A).

Obxecto e ámbito de aplicación
A presente resolución ten por obxecto convocar a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos correspondente ao ano 2023 na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED534A) e determinar as condicións en que se realizará.

Modalidades
1. A proba convócase para as modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais.
2. Non obstante o anterior, poderanse inscribir na proba e titular pola modalidade de Artes as persoas que estean en condicións de validar o segundo exercicio conforme o establecido na segunda parte do anexo III da presente resolución.

Requisitos que deben reunir as persoas aspirantes
Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2023.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente a efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2022/23.

Prazo, lugar e forma de presentación de solicitudes de inscrición
1. O período de inscrición na proba estará comprendido entre o 6 e o 15 de marzo de 2023.
2. As persoas aspirantes poderán inscribirse nos dous exercicios que integran a proba ou de un deles.
3. As solicitudes de inscrición deberán presentarse de xeito presencial en soporte papel, conforme o modelo que figura no anexo I da presente resolución, nos centros educativos sinalados no punto 4 desta epígrafe ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
4. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) EPAPU Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3-2º andar, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) EPAPU Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
d) EPAPU de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
e) EPAPU Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
f) EPAPU Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8-1º, 36202 Vigo.