martes, 17 de agosto de 2021

SUBVENCIÓNS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI461B).

Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
A contía da subvención que se concederá ás entidades sin ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de doce (12) mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade empregadora.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
2. Para seren beneficiarias, as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.