lunes, 30 de agosto de 2021

(E-MARTES) USO DE CERTIFICADOS DIXITAIS NA XUNTA DE GALICIA

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2021 pola que se convocan, no marco da iniciativa Universo EGAP Innova, as Xornadas de formación práctica dixital (E-martes) sobre o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia.

Obxectivos.
O Universo EGAP Innova é un proxecto multidisciplinar e transversal da Escola Galega de Administración Pública que se desenvolve co obxectivo principal de contribuír, a través de novas prácticas formativas que implican a participación do alumnado, a autoxestión da aprendizaxe e a identificación de novas oportunidades, á innovación e ao cambio nas administracións públicas.
Ao abeiro desta iniciativa, os E-martes teñen como finalidade proporcionar formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía nas transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da Administración electrónica.

Contidos.
As Xornadas de formación práctica dixital (E-martes) correspondentes ao mes de setembro abordarán o uso de certificados dixitais na Xunta de Galicia cunha dobre perspectiva:
– Uso interno nas administracións públicas: certificados de empregado público, certificados de selo electrónico para actuacións administrativas automatizadas e portasinaturas corporativo.
– Cidadanía: sede electrónica da Xunta de Galicia. Proxecto Chave 365. Sala electrónica de sinaturas.
A formación constará dunha introdución xurídica e posterior práctica nas aulas de informática da escola.

Persoas destinatarias.
As persoas destinatarias destas actividades son:
– O persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais. Neste grupo de persoas destinatarias priorizarase a inscrición daquelas persoas solicitantes que poidan xustificar debidamente que as súas funcións están directamente relacionadas coa materia impartida.
– A cidadanía: profesionais e persoas interesadas no manexo das aplicacións descritas na súa relación coa Administración.

Desenvolvemento.
Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Datas: os martes 7 e 21 de setembro de 2021.
Horario: mañá e tarde.
Duración: 7 horas lectivas cada xornada.

Número de prazas.
• Persoal empregado público: 16.
• Cidadanía: 13.
O número de prazas convocadas vén determinado pola capacidade das aulas adaptada ás medidas de seguridade e hixiene previstas na normativa vixente para a prevención da COVID-19.

Inscrición.
1. A inscrición nestas actividades formativas só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nestas actividades, todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria. En concreto, deberán indicar correctamente o colectivo de persoas destinatarias ao cal pertencen («Administración autonómica», para o persoal empregado público da Administración autonómica galega e dos seus entes instrumentais, ou «cidadanía», no caso de non ser persoal empregado público).
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que están integradas estas actividades (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois seleccionar en «nome do curso» a xornada en que desexen matricularse:
• Xornada E-martes de formación práctica dixital: certificados, 7 de setembro.
• Xornada E-martes de formación práctica dixital: certificados, 21 de setembro.
As persoas que resulten seleccionadas para a primeira xornada, no caso de teren solicitadas as dúas xornadas, serán excluídas da listaxe de persoas seleccionables para a segunda xornada do mes, salvo renuncia recibida coa anticipación prevista no punto 10 desta resolución.

Os prazos para a inscrición nestas actividades serán os seguintes:
• Para a xornada E-martes que se desenvolverá o día 7 de setembro: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de setembro de 2021.
• Para a xornada E-martes que se desenvolverá o día 21 de setembro: desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 13 de setembro de 2021.
Poderá obterse calquera outra información, desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.