martes, 17 de agosto de 2021

BOLSAS A PERSOAS CON DISCAPACIDADE PSÍQUICA PARA A FORMACIÓN PRÁCTICA NO VALEDOR DO POBO

VALEDOR DO POBO

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica para a formación práctica neste organismo.

Obxecto
As bolsas terán por obxecto a formación práctica na Valedora do Pobo de persoas con discapacidade psíquica, vinculada cos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.

Requisitos
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir todos os seguintes requisitos:
– Ser persoas con discapacidade psíquica (ou a causa de enfermidade mental) nun grao igual ou superior ao 33 %.
– Non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, nos últimos dous anos, contados a partir da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, ou, canto menos, que a dita experiencia non exceda os catro meses en tal período de dous anos.
Non poderá ser titular das bolsas:
– Quen gozase de bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no últimos catro anos por período superior a 6 meses ou por tempo superior a 480 horas.
– Quen sexa menor de 18 anos.
As persoas nas que concorran discapacidade intelectual e psíquica só poderán presentarse a unha das convocatorias do ciclo de dous anos no que se fagan ambas; é dicir, dentro dos dous anos nos que se dean de forma sucesiva ambas as convocatorias poderán presentarse á de discapacidade psíquica ou á de discapacidade intelectual, pero non ás dúas.

Duración

Cada unha das bolsas terá a duración de seis meses e desenvolveranse de forma sucesiva. As bolsas non poderán ser prorrogadas.
Ao finalizar entregarase un certificado acreditativo.

Convocatoria e Solicitudes
1. Convocatoria.
A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Valedora do Pobo.

2. Presentación das solicitudes.
As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no rexistro da Valedora do Pobo (rúa Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.

3. Solicitudes e documentación que se van achegar:
As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:
– Escrito de solicitude dirixido á Valedora do Pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.
– Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.
– Declaración responsable de non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, nos últimos dous anos, contados a partir da data de publicación da resolución de convocatoria das bolsas no Diario Oficial de Galicia, ou, canto menos, que a dita experiencia non excede os catro meses en tal período de dous anos.
– Declaración responsable de non ter sido beneficiario de bolsa ou práctica remunerada nalgunha Administración pública no últimos catro anos por período superior a 6 meses ou por tempo superior a 480 horas.

4. Prazo de presentación.
O prazo de presentación será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Requirimento de documentación adicional.

A comisión de selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.

6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.
A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta a petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizada, unha vez transcorridos dous meses desde a data na que se faga pública a adxudicación.