martes, 17 de agosto de 2021

AXUDAS PARA A OBTENCIÓN DOS PERMISOS DE CONDUCIÓN CLASES B E C Á MOCIDADE GALEGA

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A).

Obxecto

Establecer as bases reguladoras das axudas para a obtención dos permisos de condución clases B e C por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas mozas que na data de presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
a) Teñan feitos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso clase C, e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil (SNGX), de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.
b) Estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Estean inscritas no SNGX e figuren como persoas beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Estean matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentaren a solicitude ou ben teñan o/os permiso/s para o/os que se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.
O gasto subvencionable é a suma a tanto global de obtención dos permisos de condución obxecto da orde. A xustificación do custo de obtención do/dos permiso/s de condución e do seu pagamento faranse conforme a regulación de custos simplificados, en función da xustificación da obtención do/dos permiso/s de condución obxecto da solicitude.
A xustificación da axuda presentarase con data límite do 15 de decembro de 2021.