martes, 17 de agosto de 2021

PROGRAMA BONO COIDADO

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL

ORDE do 27 de xullo de 2021 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a conciliación en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares a través do programa Bono Coidado e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS412A).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata doce anos de idade, estes incluídos, para atención de necesidades de conciliación producidas entre o 1 de xaneiro e o 14 de setembro de 2021, de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, así como proceder á súa convocatoria.
2. Para os efectos desta orde, entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Do 15 ao 17 de febreiro.
– Do 29 de marzo ao 5 de abril.
– Do 23 de xuño ao 14 de setembro.
3. As axudas previstas nesta orde tramitaranse de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dado que polo obxecto e a finalidade das subvencións non será necesaria a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Coidado os/as pais/nais e titores/as de nenos/as de ata doce anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se atopen nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou nena sexa menor de trece anos no momento no que se produce o suposto para o que se solicita axuda.
b) Que ambos os proxenitores, titores/as, acolledores/as, gardadores/as con fins adoptivos, familias monoparentais ou proxenitores con custodia non compartida, estean efectivamente traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.
Nos supostos de custodia compartida, este requisito entenderase referido ao tempo no que esta se exerza efectivamente, debendo presentar, nestes casos, cada proxenitor unha solicitude individual.
2. Ademais, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e chave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de setembro de 2021. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.