martes, 24 de agosto de 2021

BASES REGULADORAS DAS ACCIÓNS FORMATIVAS DO PLAN DE FORMACIÓN NO XACOBEO EN GALICIA PERÍODO 2021-22

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 5 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2022 e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR303B).

Obxecto e ámbito de aplicación
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas do Plan de formación no Xacobeo Comunidade Autónoma de Galicia dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e xestionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade (procedemento TR303B).
Tamén poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que, para tales efectos, se determinan no artigo 27.
2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2021-2022.
Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o período 2021-2022.

Entidades beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias as establecidas no artigo 5 da Orde do 5 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2022 e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR303B).

Prazo de presentación das solicitudes
Cada convocatoria determinará o prazo de presentación de solicitudes, que non poderá ser inferior a un mes.
Na presente convocatoria o prazo de presentación será dun mes, contado desde o día da súa entrada en vigor da orde.
Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Prazos de realización das accións formativas da primeira convocatoria
As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar antes do 1 de novembro de 2021, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.
A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2021 será o 20 de decembro de 2021.
Para os cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2021 e 2022 ou exclusivamente durante a anualidade 2022, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2022.
Non poderá iniciarse ningunha acción formativa sen a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento de requisitos e condicións por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente.