martes, 17 de agosto de 2021

PROMOCIÓN E CONSOLIDACIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO A TRAVÉS DO PROGRAMA I, AXUDAS Á PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO, E DO PROGRAMA II, AXUDAS A PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS POLA CONTRATACIÓN INDEFINIDA DE PERSOAS ASALARIADAS, 2021

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (códigos de procedemento TR341D e TR349F).

Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR341D).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto a concesión dunha axuda económica a aquelas persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadoras autónomas ou por conta propia, para facer fronte aos distintos gastos xerados no comezo da súa actividade laboral.

Persoas beneficiarias
Serán beneficiarias aquelas persoas que causen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021, ambos inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo xeral de presentación de solicitudes para o Programa I regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2021.


Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR349F).

Obxecto
Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2021 dos incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.


Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

Prazo de presentación de solicitudes
a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.
b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
c) O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2021, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.