lunes, 23 de agosto de 2021

2ª CONVOCATORIA DE AXUDAS PARA 2021 DO PROGRAMA I DE AXUDAS AO CUSTO SALARIAL DE PERSOAS TRABALLADORAS EN SITUACIÓN OU RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL NAS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL

 CONSELLERÍA DE EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do Programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral (código de procedemento TR356A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto realizar unha segunda convocatoria de axudas do Programa I de custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A) reguladas na dita Orde do 31 de decembro.
A través deste programa subvencionánselles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social que teñan contratacións mínimas de 6 meses.

Entidades beneficiarias
1. Poden ser beneficiarias das axudas deste programa, de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras aprobadas pola dita Orde do 31 de decembro de 2020:
– As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras para as axudas do Programa I.
– Aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda teñan solicitado a súa cualificación como empresa de inserción laboral, de conformidade co Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, e a Orde do 6 de maio de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e o funcionamento do seu rexistro administrativo. Non obstante, non se poderá pagar a axuda mentres non obteñan a dita cualificación.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de setembro de 2021. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021.
A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 8 de novembro de 2021.