miércoles, 26 de febrero de 2020

CONVOCATORIA DISTINTAS LIÑAS DE SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE REHABILITACIÓN XESTIONADAS POLO INSTITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO

INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO


VI422E Programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-21

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2020, con carácter plurianual, as subvencións dos seguintes programas (código de procedemento VI422E) previstos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021):
a) Liña A, Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.
b) Liña B, Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:
a) As persoas físicas, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.
b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As agrupacións de persoas propietarias.
d) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan a cambio do pagamento da renda.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará, en todo caso, no momento de se esgotar o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

VI426C Subvencións do Programa Rehaluga

Obxecto
Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio ás persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas nas cales se realizaron actuacións para a súa incorporación ao Programa de vivendas baleiras, no ámbito do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora do acceso á vivenda 2015-2020.

Persoas beneficiarias
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias das vivendas e, pola súa vez, promotoras das actuacións subvencionables. Ademais, deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Encontrarse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia no momento da concesión da subvención.
b) Non estar incursa nalgunha das circunstancias previstas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará no momento de esgotamento do crédito orzamentario –que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS– e, en todo caso, o día 10 de novembro de 2020.