martes, 4 de febrero de 2020

CONCURSO CONSUMÓPOLIS-15

INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA


Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2019-2020 Consumópolis-15 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: «Os teus actos de consumo poden cambiar o mundo, como o farías ti?» (código do procedemento IN114A).
2. O concurso consta de dúas partes: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.
3. A primeira parte do concurso consiste na realización do percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es.
4. A segunda parte do concurso consiste no deseño, elaboración e presentación dun traballo conxunto sobre consumo responsable.

Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria en calquera centro docente da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teñan máis de tres membros do mesmo sexo.
3. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
4. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.

Categorías de participación
Establécense tres categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria.

Premios
1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.
2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal, que terá lugar en Madrid.
aracterísticas do traballo en equipo
1. Cada equipo participante deberá deseñar, elaborar e presentar un traballo sobre consumo responsable consistente no deseño, elaboración e presentación dun cómic que deberá incluír unha ou varias mensaxes, dirixidas a mozos e mozas do mesmo rango de idade que os participantes, que apoie o lema principal da edición deste ano e que reflicta como os seus actos de consumo poden cambiar o mundo ou a sociedade. Este traballo realizarase de xeito colaborativo entre todos os membros do equipo.
2. O contido do traballo deberá tratar sobre un ou varios dos seguintes temas:
a) Os nosos deberes e dereitos como persoas consumidoras na publicidade e na etiquetaxe.
b) Criterios e valores na compra de produtos por internet ou en tenda física.
c) Criterios e valores no uso das redes sociais e en tempo de lecer.
d) Seguridade no uso de produtos e servizos (xoguetes, material deportivo, roupa...).
3. O cómic deberá presentarse obrigatoriamente de dúas formas distintas:
– En formato electrónico, subindo a través da plataforma o traballo.
– En formato físico, enviado en tempo e forma á Escola do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
4. O cómic estará composto por varias viñetas (debuxos, fotografías, colaxes, etc.) e un título, lema ou slogan que apoie o lema principal da edición deste ano e que reflicta como os actos de consumo poden cambiar o mundo ou a sociedade.
5. O cómic deberá reproducirse ou plasmarse sobre unha superficie lisa e moderadamente ríxida (madeira, cartón, papel groso etc.) As dimensións do traballo serán equivalentes a un DIN A3 (29,7 cm × 42 cm aproximadamente) por unha soa cara.
6. O cómic deberá situarse en posición horizontal.
7. Para a elaboración do cómic poderá empregarse calquera técnica, que será de libre escolla para o alumnado participante.
a) Debuxos, ilustracións, colaxes, realizados manualmente con lapis, acuarelas, témperas, rotuladores, etc.
b) Fotografías orixinais.
c) Montaxe de varios elementos utilizando programas de edición ou tratamento de imaxes de software libre (sempre e cando a base da composición sexa un traballo orixinal creado polo equipo).
Se se elixen as opcións b) ou c), o traballo deberá imprimirse e pegarse sobre unha superficie que reúna as características ditas anteriormente.
8. O incumprimento de calquera destes requisitos suporá a descualificación do traballo.
9. O lema, título ou slogan, as imaxes ou calquera outro contido incluído no traballo non poderá conter erros lingüísticos.
10. Na elaboración do cómic deberán respectarse os principios da educación en valores.

Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de abril de 2020.