lunes, 24 de febrero de 2020

PROBAS DE CONSTATACIÓN DA COMPETENCIA PROFESIONAL DE XESTOR DE TRANSPORTE EN EMPRESAS DE TRANSPORTE PRO ESTRADA

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E MOBILIDADE


Convocatoria.
Convócanse para o ano 2020 as probas de constatación da competencia profesional para o desempeño das funcións de xestor de transporte en empresas de transporte por estrada, tanto na súa modalidade de mercadorías como na de persoas viaxeiras, que terán lugar na Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co calendario e demais condicións previstas nesta resolución (procedementos IF312A e IF312B).

Calendario.
a) No ano 2020 realizarase unha convocatoria entre o 30 de marzo e o 30 de xuño.
b) As persoas aspirantes que cumpran os requisitos para presentárense ás probas poderán presentarse á modalidade de xestor de transporte para empresas de transporte de mercadorías por estrada e á de xestor de transporte para empresas de transporte de persoas viaxeiras por estrada, ou só a unha delas.

Requisitos das persoas aspirantes.
Para poder participar nas probas de xestor de transporte será preciso reunir os seguintes requisitos no momento de fin do prazo de presentación de solicitudes:
a) Ter residencia habitual en Galicia.
Para tal efecto, presumirase que a residencia habitual da persoa aspirante está no lugar en que figure o seu domicilio no documento nacional de identidade en vigor; só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que apareza no referido documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:
– Que a persoa aspirante acredite que tivo o seu domicilio en Galicia, cando menos, durante cento oitenta e cinco (185) días naturais do último ano, contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer aos exercicios.
– Que a persoa aspirante acredite que, sen cumprir o requisito do punto anterior, se viu obrigada por razóns familiares ou profesionais a cambiar a súa residencia en Galicia; non obstante, non se entenderá cumprida esta exixencia nin cando se trate de estadías temporais nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada, nin cando se trate de supostos de asistencia a unha universidade, escola ou centro docente.
b) Xustificar estar previamente en posesión dalgún dos seguintes títulos de formación:
– Título de bacharel ou equivalente.
– Título de técnico, acreditativo de superar os ensinos dunha formación profesional de grao medio, sexa cal for a profesión a que se atope referido.
– Título de técnico superior, acreditativo de ter superado as ensinanzas dunha formación profesional de grao superior, sexa cal for a profesión a que se atope referido.
– Calquera título acreditativo de ter superado unhas ensinanzas universitarias de grao ou posgrao.

 Inscrición.
A presentación da solicitude de inscrición, a achega de documentación complementaria e máis o pagamento da taxa deberán realizarse de forma telemática, por aplicación do artigo 56 da Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres, de acordo co establecido nos puntos seguintes. Seguirase, para o efecto, o procedemento dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), co código IF312A.