jueves, 6 de febrero de 2020

CONVOCATORIA DA PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE BACHAREL PARA MAIORES DE 20 ANOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN, UNIVERSIDADE E FORMACIÓN PROFESIONAL


Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2020, con código de procedemento administrativo ED534A, nas modalidades de Ciencias e de Humanidades e Ciencias Sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

Condicións das persoas aspirantes.
1º. Poderán participar nesta proba as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2020.
b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para efectos académicos.
c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2019/20.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

2º. As persoas aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.
Poderanse matricular tamén na proba, para realizaren o exercicio correspondente ás materias de Lingua Galega e Literatura I e II e ás materias xerais do bloque de materias troncais, as persoas aspirantes que teñan superado as materias xerais e as materias troncais de opción propias da modalidade de Artes.

Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes.
1º. O prazo de presentación das solicitudes será entre o 27 de febreiro e o 12 de marzo de 2020.
2º. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel, nos centros educativos sinalados no número 3º desta epígrafe ou por calquera dos medios establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado (anexo I desta resolución) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
3º. Os centros onde se pode presentar a solicitude son os seguintes:
a) Centro EPA Eduardo Pondal, rúa da Educación, 3, 2º andar, 15003 A Coruña.
b) IES San Clemente, rúa San Clemente, s/n, 15705 Santiago de Compostela.
c) Centro EPA Albeiros, parque da Milagrosa, s/n, 27003 Lugo.
d) Centro EPA de Ourense, rúa Álvarez de Sotomayor, 4, 32002 Ourense.
e) Centro EPA Río Lérez, avenida de Buenos Aires, 26, 36002 Pontevedra.
f) Centro EPA Berbés, rúa Marqués de Valterra, 8, 1º, 36202 Vigo.

Celebración da proba.
A proba celebrarase o día 24 de abril de 2020 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.