viernes, 21 de febrero de 2020

SUBVENCIÓNS PARA A CREACIÓN E POSTA EN MARCHA DE UNIDADES MIXTAS DE INVESTIGACIÓN ALIÑADAS COS RETOS ESTRATÉXICOS E PRIORIDADES IDENTIFICADAS NA RIS3 PARA GALICIA

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas cales se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para a creación e posta en marcha de unidades mixtas de investigación.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse estas axudas para o ano 2020 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN853A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) 651/2014.

Entidades beneficiarias
Agrupacións entre un organismo de investigación de Galicia e unha empresa (excepcionalmente dúas), nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que teñan constituída unha unidade mixta de investigación para o desenvolvemento de forma conxunta e coordinada de actividades de I+D+i. Estas unidades mixtas deberán ter un orzamento mínimo elixible de 2 millóns de euros para o período 2020-2023.
No marco desta resolución consideraranse organismos de investigación:
– Os centros tecnolóxicos e de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia.
– As universidades do Sistema universitario galego.
– Os centros en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas.
– Os centros en Galicia do Instituto Español de Oceanografía.
– As fundacións de investigación sanitaria de Galicia.
– Outros organismos de investigación de Galicia que teñan definida nos seus estatutos a I+D como actividade principal.
As empresas integrantes das unidades mixtas de investigación poderán ser pequenas, medianas e grandes, segundo as definicións do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. 187, do 26 de xuño de 2014).

Prazo de presentación de solicitudes
Un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no DOG e, se é inhábil, o primeiro día hábil seguinte.