martes, 4 de febrero de 2020

AXENCIA TURISMO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (códigos de procedemento TU404A, TU404B e TU404C).

Obxecto e réxime das subvencións
1. As axudas reguladas por estas bases teñen por obxecto a participación de persoas maiores, mozos/as menores de 30 anos e familias con fillos menores, nas rutas que conforman o programa Elixe Galicia.

2. Estas axudas terán a consideración de subvencións en especie, ao abeiro do disposto na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o disposto no artigo 3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta contía pagarase á empresa adxudicataria do contrato de servizo para a creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia polo que a Axencia Turismo de Galicia aboará á empresa adxudicataria do programa os importes correspondentes segundo as prazas concedidas.
3 O procedemento de concesión das axudas aos beneficiarios das prazas, tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A concesión das prazas, no suposto de máis solicitudes que prazas convocadas, terá lugar a través de sorteo entre todas as solicitudes que cumprindo os requisitos establecidos nas presentes bases se presenten en prazo.
Realizaranse dous sorteos, un para as solicitudes correspondentes o ano 2020 e outro para as solicitudes do ano 2021. As datas, lugar e hora da celebración dos sorteos publicaranse no taboleiro de anuncios da páxina web da Axencia Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/espazo-institucional.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas residentes legalmente na Comunidade Autónoma de Galicia, que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar empadroado en algún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia con unha antigüidade mínima de dos anos anteriores á data final do prazo de presentación de solicitudes establecido nestas bases.
b) Solicitar praza para destinos distintos a súa provincia de residencia, salvo que non exista oferta nesa provincia.
c) Poder valerse por si mesmos para realizar as actividades básicas da vida diaria, coa excepción das persoas con discapacidade nas condicións especificadas para cada colectivo.
d) Efectuar o pago do prezo estipulado.
2. As persoas beneficiarias ademais de cumprir os requisitos establecidos no apartado 1 deberán pertencer a algún dos seguintes colectivos:
A) Maiores:
– Ser pensionista de xubilación do sistema de seguridade social español, ser pensionista de viuvez con 55 ou máis anos de idade do sistema de seguridade social español, ser pensionista por outros conceptos do sistema de seguridade Social español ou perceptor de prestación, subsidios de desemprego con 60 ou máis anos de idade, ser asegurado ou beneficiario do sistema de seguridade social español con 65 o máis anos de idade.
Tamén se considerarán persoas beneficiarias, respecto do colectivo de persoas maiores, os/as cónxuxes ou no seu caso, parella de feito ou persoa coa que se constitúe unha unión estable e de convivencia con análoga relación de afectividade á conxugal, sen necesidade de que estes reúnan os requisitos esixidos neste apartado.
Tamén poderán ser persoas beneficiarias os/as fillos/as con discapacidade, en grado igual o superior ao 33 % sempre que a viaxe se realice cos seus pais e se aloxen na mesma habitación ou, no seu caso, abonen o suplemento establecido para habitacións individuais que estará suxeito a dispoñibilidade de praza.
As persoas beneficiarias, coa excepción dos/as fillos/as con discapacidade, deben valerse por si mesmos para realizar as actividades básicas da vida diaria.
No caso do colectivo de maiores, na solicitude que se presente deberá indicarse, no seu caso, se a participación no programa será só para o solicitante, ou se se inclúe ao/á cónxuxe e a un/unha fillo/a con discapacidade, tal como se indicou anteriormente.
Do total das prazas destinadas ao colectivo de maiores, reservarase un 10 % do total para persoas con pensións non contributivas, o que se terá que indicar na solicitude.
B) Mozos/as menores de 30 anos:
As solicitudes para este colectivo poderán ser individuais ou colectivas no caso de que se unan ata 4 solicitudes. Os/as mozos/as que se presenten como grupo nunha mesma solicitude deberán reunir os requisitos establecidos nas presentes bases para participar nos programas.
Do total das prazas destinadas ao colectivo de mozos/as destinarase un 10 % a persoas con discapacidade, en grado igual ou superior ao 33 % que poderán ir acompañados/as doutro mozo/a menor de 30 anos que se aloxe na mesma habitación e a atención requirida na estancia poida ser dispensada polo acompañante a cuxo cargo viaxan.
Neste caso, na solicitude que se presente deberá indicarse, no seu caso, se a participación no programa será só para o solicitante, ou se se inclúe á persoa acompañante, que terá a condición de beneficiario/a.
C) Familias con fillos/as menores de idade:
Enténdese por familia, as persoas unidas entre si por matrimonio ou unha relación análoga de afectividade, as persoas que dependan delas por filiación, adopción, tutela, garda, garda de feito ou acollemento permanente ou preadoptivo, e as persoas que estean ao seu cargo, sempre que formen un núcleo estable de convivencia.
Calquera outra forma de relación estable entre membros dunha parella considérase asimilada ao vínculo por matrimonio, sempre que estea acreditada pola inscrición no correspondente rexistro.
Os fillos menores entre 0-3 anos non ocuparán praza.
Terán a condición de beneficiarios os/as fillos/as entre 4 e 18 anos, os fillos/as e ascendentes con discapacidade en grado igual o superior ao 33 % sempre que a viaxe a realicen cos seus pais/fillos/as e se aloxen na mesma habitación ou, no seu caso abonen o suplemento establecido para habitacións individuais que estará suxeito a dispoñibilidade de praza e a atención requirida na estancia poida ser dispensada polos pais, titores ou fillos/as cos que viaxan.
Os/as fillos/as maiores de 18 anos e os ascendentes, salvo os fillos/as ou ascendentes con discapacidade, pagarán o 100 % da praza.
Do total das prazas destinadas ao colectivo de familias con fillos/as menores de idade, reservarase un 10 % do total para familias numerosas. Na solicitude deberá indicarse se se trata dunha familia numerosa.

Prazo de presentación de solicitudes
Os prazos de presentación de solicitudes serán:
Para a tempada do ano 2020 será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Para a tempada do ano 2021, o prazo de presentación de solicitudes será do 1 de setembro ao 30 de setembro de 2020.