martes, 4 de febrero de 2020

PREMIOS DE INNOVACIÓN EDUCATIVA AOS PROXECTOS SOBRE CONSUMO RESPONSABLE GALICONS-NET

INSTITUTO GALEGO DO CONSUMO E DA COMPETENCIA


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto regular e convocar os premios de innovación educativa aos proxectos sobre consumo responsable Galicons-net, para difundir e promover os valores do consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN116A).

Participantes
Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes non universitarios públicos, privados e concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que estean a participar no programa Galicons-net no curso 2019/20 a través dalgunha destas dúas vías: a) convocatoria do Plan Proxecta; b) solicitude formalizada do programa a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

Categorías de participación
1. Establécense catro categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de bacharelato, de ciclos formativos de grao medio e grao superior de formación profesional e de educación de persoas adultas.
– Categoría D: alumnado de educación especial.
2. Non se establece un número mínimo de alumnos/as para cada categoría de participación.
3. Cada centro docente só poderá presentar un único proxecto, correspondente a unha das categorías de participación sinaladas. Os centros con alumnado pertencente a varias categorías de participación deberán seleccionar unha das categorías sinaladas, segundo aquela que mellor represente o traballo realizado no centro. No caso de que non se seleccione ningunha categoría de participación, entenderase que o centro se presenta na categoría de participación correspondente ao alumnado de maior nivel académico.

Premios
Concederase un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto en cada unha das categorías de participación.

Certificación e recoñecemento
1. Ademais dos premios, os centros recibirán un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.
2. A persoa coordinadora e o profesorado participante nos proxectos premiados recibirán da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional unha certificación de primeiro premio de innovación educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación do profesorado para o profesorado coordinador e 20 horas para o resto do profesorado participante.

Características dos proxectos
1. Os centros deberán realizar un proxecto de innovación educativa sobre unha das seguintes temáticas de consumo responsable que mellor se adapte ás súas necesidades:
a) Consumo e xénero:
Xoguetes, xénero e publicidade.
Impacto das relacións de xénero no consumo.
Consumo e xénero: onte, hoxe e mañá.
b) Linguaxe publicitaria:
Publicidade na miña contorna.
Publicidade dirixida á adolescencia.
Publicidade: onte, hoxe e mañá.
c) Comercio electrónico:
Hábitos de consumo de comercio electrónico.
Seguridade no comercio electrónico.
Comercio electrónico: onte, hoxe e mañá.
d) Servizos financeiros:
Tipoloxía dos servizos financeiros: captación e investimento.
Identificación de servizos inseguros: créditos rápidos e cláusulas abusivas.
Servizos financeiros: onte, hoxe e mañá.
e) Etiquetaxe dos bens e produtos:
Etiquetaxe dos bens e produtos de consumo en xeral.
Etiquetaxe dos produtos alimentarios.
Etiquetaxe dos bens e produtos de consumo: onte, hoxe e mañá.
2. O proxecto deberá incluír un título directamente relacionado coa temática seleccionada.
3. O proxecto deberá concretar o proceso de aprendizaxe na elaboración dun produto final que permita expoñer o coñecemento adquirido e o traballo realizado. Terá formato libre e formalizarase a través de calquera tipo de soporte (textual, audiovisual, informático, virtual, gráfico, campaña de concienciación...).
4. O proxecto deberá basearse nun traballo colaborativo entre o alumnado e guiado polo profesorado.
5. O desenvolvemento do proxecto en cada centro deberá servir para acadar os seguintes obxectivos específicos:
a) Concienciar o alumnado da súa condición de persoa consumidora, iniciándoo no funcionamento dunha sociedade de consumo responsable.
b) Fomentar que o alumnado actúe na sociedade de maneira informada, de xeito que poida elixir, con pleno coñecemento, entre os bens e servizos que están ao seu dispor e coñecer os seus dereitos e deberes como persoa consumidora.
c) Desenvolver no alumnado un pensamento crítico e fomentar a reflexión sobre os aspectos éticos, solidarios e ambientais que determinan a responsabilidade no consumo.

Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de xullo de 2020.