martes, 11 de febrero de 2020

FINANCIAMENTO IGAPE_PEMES

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
Estas bases regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I ás bases reguladoras.

Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.
b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I ás bases reguladoras.
2. Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.