miércoles, 11 de enero de 2023

TARXETA BENVIDA 2023

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 27 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declaradas en situación de garda con fins adoptivos no ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica para as familias que no ano 2023 teñan un/unha fillo/a, adopten ou sexan declaradas en situación de garda dun/dunha neno/a con fins adoptivos e para aquelas outras que, tendo obtido a axuda ou non accedendo a ela por superar os ingresos previstos nas respectivas convocatorias no ano 2021 e 2022, experimentaran unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito ás contías reguladas no artigo 4.2.
2. Así mesmo, é obxecto da orde proceder á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS403B).
3. A axuda farase efectiva a través da tarxeta Benvida, a cal só poderá ser utilizada en oficinas de farmacia, parafarmacias, ópticas, librarías, supermercados, tendas de alimentación e establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia que teñan establecemento aberto no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que dispoñan de documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) e que se atopen nun dos seguintes supostos:
a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.
b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adoptivos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023.
2. Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2023.
3. Igualmente aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2021 e 2022 e non accederan á axuda no segundo ano de vida e ata o que o neno faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no artigo 4.2 no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.
O importe da axuda nestes casos establecerase en función dos meses que resten desde o 1 de xaneiro de 2023 ata que o neno ou nena que dá dereito á axuda faga tres anos ou ata que se cumpran tres anos do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.
Así mesmo, aquelas familias que non optasen á dita axuda nas referidas convocatorias, por superar os ingresos recollidos no artigo 5.1.b), e experimentasen unha variación á baixa da renda da unidade familiar e concorran á presente convocatoria, poderán beneficiarse das contías previstas no artigo 4.2 nos termos establecidos no punto anterior.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
No suposto de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2023 e sempre que o fillo ou filla nacese no dito ano 2023, o prazo será de tres meses, que se contarán a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite fidedignamente a data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure na dita documentación acreditativa.
Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. Opcionalmente, poderá presentarse a solicitude durante o período de xestación estando, a súa concesión supeditada ao cumprimento dos requisitos previstos no artigo 3. Con carácter excepcional, aquelas solicitudes que se presenten e cuxo nacemento se produza entre o 1 de xaneiro e o 28 de febreiro de 2024 poderán ser tramitadas na seguinte convocatoria.
3. As familias que puidesen ser beneficiarias nos termos indicados no artigo 3.3 disporán desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia ata o 28 de febreiro de 2023 para esta finalidade, debendo presentar o anexo III e, se procede, o anexo II, no caso de ter a axuda xeral ou o anexo I no suposto de non ter optado á axuda no ano de referencia por superar ingresos nesa anualidade.
4. No suposto excepcional de ampliación da axuda ata un ano máis previsto no artigo 4.4 a comunicación da situación de especial vulnerabilidade, anexo IV, realizarase dentro dos dous meses anteriores á data en que o neno ou nena faga os tres anos.