martes, 17 de enero de 2023

CONCURSO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2023 (código de procedemento PR775A).

Obxecto
Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e convócase, baixo o réxime de concorrencia competitiva, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas orientado aos nenos e nenas galegos, con idades comprendidas, segundo estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos.

Persoas beneficiarias
Poderán optar aos premios os nenos e nenas galegos con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.
Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Os fillos e fillas de quen sexa integrante do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria.
Poderán presentarse contos premiados con anterioridade por todo tipo de organismos públicos ou privados, excepto no caso de contos que xa fosen premiados pola propia EGAP. Neste sentido, a concesión do premio regulado nesta convocatoria será compatible coa de calquera outro premio de similares características.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Outros datos
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán formular a súa solicitude, mediante a presentación do anexo I, e presentarán a seguinte documentación, en arquivos independentes en formato pdf:
a) Un arquivo que conterá o texto do conto. Este arquivo nomearase co título do conto e o pseudónimo da persoa autora.
b) Un arquivo que conterá unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome/s, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso, así como os datos dos seus proxenitores.
No caso de que se opte pola presentación presencial, coa solicitude, que deberá formularse mediante a presentación do anexo I, deberá xuntarse a seguinte documentación:
a) Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas, acompañado do pseudónimo e o título do conto. Este sobre incluirá o texto do conto en folio formato A4.
b) Unha copia do libro de familia onde consten os datos de nome, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso, así como os datos dos seus proxenitores.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Co obxecto de garantir o anonimato das persoas que redacten os contos, tanto na presentación presencial como na electrónica, cumpriranse as seguintes exixencias:
– Na cabeceira do conto indicarase exclusivamente o título do conto presentado e o pseudónimo.
– Neste texto non poderá figurar ningún dato que permita identificar a persoa participante e romper o anonimato.