lunes, 30 de enero de 2023

SUBVENCIÓNS AOS PROGRAMAS DE APOIO INFRAESTRUTURAL E ADQUISICIÓN DE EQUIPAMENTOS ÁS ENTIDADES GALEGAS NO EXTERIOR 2023

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 4 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento PR924C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas (código de procedemento PR924C):
– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.
– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2023.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades, deben contar cun local social diferenciado do das entidades asociadas.
2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.