lunes, 23 de enero de 2023

CONFERENCIA A ADMINISTRACIÓN DIXITAL

 ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2023 pola que se convoca a conferencia A administración dixital.

Obxectivos e contidos
O coñecemento e a innovación pública son a soldadura das escisións que xorden por todas as partes entre o que a Administración fai e o que demanda a cidadanía. Estas escisións están a xerar un paulatino proceso de desintermediación en que a Administración se ve substituída como «terceiro de confianza» por outros actores e institucións en diversos procesos. A revolución dixital é unha oportunidade para refundar a Administración, que, de non aproveitarse, conducirá inevitablemente á obsolescencia dunha parte da súa actividade. Finalmente, non é posible que se produza a satisfacción efectiva das demandas cidadás da Administración se non se produce un cambio na súa cultura, nos seus principios e valores.
O obxectivo desta conferencia é analizar os efectos da transformación dixital nas organizacións públicas.

Persoas destinatarias
Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, da Administración local, da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como a profesionais e persoas interesadas en xeral.

Desenvolvemento
Lugar: salón de actos da EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.
Modalidade: presencial.
Data: 27 de xaneiro de 2023.
Horario: de mañá.
Horas lectivas: 2.

Número de prazas
Limitado pola capacidade do local.

Inscrición
1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta convocatoria respecto das persoas destinatarias.
3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e despois premer en «nome do curso»: Conferencia A administración dixital.
5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 25 de xaneiro de 2023.
Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico iep.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, no teléfono 881 99 71 74.