miércoles, 18 de enero de 2023

DUAS BOLSAS DO VALEDOR DO POBO DESTINADAS A PERSOAS CON DISCAPACIDADE FÍSICA, ORGÁNICA OU SENSORIAL PARA A FORMACIÓN PRÁCTICA NESTE ORGANISMO

 VALEDOR DO POBO

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2023 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial para a formación práctica neste organismo.

Obxecto
As bolsas terán por obxecto contribuír á formación práctica no organismo Valedor do Pobo de persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial.

Requisitos
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir os seguintes requisitos:
– Ser española ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou daqueles Estados aos cales en virtude de tratados internacionais sexa aplicable a libre circulación de persoas.
– Ser persoas con discapacidade física, orgánica ou sensorial.
– Posuír un grao universitario ou equivalente.
– Ter un coñecemento do galego como idioma propio de Galicia cun nivel Celga 4 ou equivalente.

Dotación económica e cobertura social
A persoa beneficiaria da bolsa disporá:
a) Dunha asignación de 12.000 € (doce mil euros) brutos anuais, que se percibirán despois de rematado cada mes do prazo da súa duración, a razón de 1.000 € (mil euros) mensuais, suxeitos á retención que legalmente proceda.
b) De protección social mediante a alta no réxime xeral da Seguridade Social, segundo a normativa vixente e dentro dos requisitos e condicións propios deste tipo de bolsas.
c) Dun seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 €.

Duración
As bolsas terán a duración dun ano, desenvolveranse de forma simultánea e non poderán ser prorrogadas.
Ao rematar entregarase un certificado acreditativo.

Convocatoria e solicitudes
1. Convocatoria.
A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web do organismo Valedor do Pobo.
2. Presentación das solicitudes.
As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no rexistro do organismo Valedor do Pobo (rúa Hórreo, 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.
3. Solicitudes e documentación.
As persoas solicitadas deberán achegar o seguinte:
– Escrito de solicitude dirixido á valedora do pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo I.
– Expediente académico do grao universitario ou equivalente (só dun, no caso de facer valer como méritos máis dun).
– Copia do DNI ou equivalente.
– Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.
– Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
– Relación de méritos e circunstancias que o solicitante somete a valoración conforme estas bases, presentados consonte o anexo II da convocatoria. Só se valorarán os méritos e circunstancias que figuren nese anexo.
4. Prazo de presentación.
O prazo de presentación será de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
5. Requirimento de documentación adicional.
A Comisión de Selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.
6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.
A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta por petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizada, unha vez transcorridos dous meses desde a data en que se faga pública a adxudicación.