miércoles, 18 de enero de 2023

SUBVENCIÓNS PARA CALDEIRAS DE BIOMASA DESTINADAS A PARTICULARES PARA 2023

AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para caldeiras de biomasa destinadas a particulares, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (códigos de procedemento IN421N e IN421P).

Obxecto e normativa de aplicación
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras que utilicen biomasa como combustible.
En concreto, os proxectos de biomasa que se subvencionaran son os do grupo:
B1 caldeiras que utilicen leña, B2 (caldeiras de pellets con volume de acumulación de combustible inferior a 3.000 l) e B3 (caldeiras de pellets con volume de acumulación de combustible maior o igual a 3.000 l).
2. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. As solicitudes presentaranse a través das entidades colaboradoras.
Será necesario que as entidades colaboradoras, sexan persoas físicas ou xurídicas, teñan presentado unha declaración responsable como empresas de instalacións térmicas en edificios e que figuren inscritas no Rexistro Integrado Industrial do ministerio competente en materia de enerxía.

Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de dereito residencial, sempre que as actuacións subvencionables descritas nos artigos 1, 2 e 5 das bases se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non podendo estas disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contía da axuda
A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación. A contía máxima por proxecto será de 8.000 €.
Cada entidade colaboradora poderá solicitar un máximo de 300.000 € en proxectos con reserva de fondos.
 Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 1 de xuño de 2023.
2. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de marzo de 2023 ás 9.00 horas e rematará o 29 de xuño de 2023 ou cando se esgoten os fondos.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal) de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).