martes, 17 de enero de 2023

CURSO DE FORMACIÓN PARA A OBTENCIÓN DA HABILITACIÓN DO PERSOALS DE CONTROL DE ACCESO A ESPECTÁCULOS PÚBLICOS E ACTIVIDADES RECREATIVAS DURANTE 2023

 ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2022 pola que se fixan os criterios reguladores do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas durante o ano 2023, e se convoca a súa realización (código de procedemento PR471A).

Obxecto
O obxecto desta resolución é a publicación dos criterios xerais que regularán a realización do curso de formación para a obtención da habilitación do persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas ao longo do ano 2023, cuxas edicións son convocadas por resolución do director xeral da Agasp na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública: https://agasp.xunta.gal/es (código de procedemento PR471A).
Este curso de formación rexerase polo establecido nesta resolución e no Decreto 48/2021, do 11 de marzo, polo que se regula a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, así como aos establecementos ou espazos abertos ao público en que se realicen.

Contido do curso e temario
1. Aspectos básicos da normativa de espectáculos públicos e actividades recreativas.
2. Aspectos básicos da normativa de xogo.
3. Dereitos e deberes das persoas espectadoras e usuarias. Dereitos fundamentais.
4. Dereito de admisión.
5. Medidas de seguridade nos establecementos abertos ao público e normativa de autoprotección.
6. Normativa sobre horarios dos establecementos abertos ao público, dos espectáculos públicos e das actividades recreativas.
7. Réxime xurídico das persoas menores de idade.
8. Aspectos básicos da normativa en materia de igualdade.
9. Conceptos básicos de primeiros auxilios.
10. Protocolo en situacións de perigo.
11. Técnicas básicas de autocontrol en situacións de extrema necesidade.
O temario está dispoñible na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública na seguinte ligazón:
https://agasp.xunta.gal/sites/w_agasp/files/temario_control_de_acceso_marcadores__0.pdf

Requisitos de participación
1. Este curso vai destinado ás persoas que pretendan realizar a actividade de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.
2. As persoas aspirantes deberán posuír os seguintes requisitos exixidos polo artigo 6 do Decreto 48/2021:
a) Ser maior de idade.
b) Ter a nacionalidade española ou dalgún dos países que integran a Unión Europea ou estar en posesión do permiso de residencia e traballo correspondentes.
c) Carecer de antecedentes penais.
d) Ter a aptitude psicolóxica necesaria acreditada consonte o que dispón o artigo 8.4 do Decreto 48/2021.

Presentación de solicitudes e prazo
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal que figura como anexo I desta resolución.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica de solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
O prazo para a presentación da dita solicitude, vinculada co procedemento PR471A, abrirase ao día seguinte de que se publique a presente resolución no DOG e permanecerá aberto ata o día 2 de xaneiro de 2024 (o modelo de solicitude figura como anexo a esta resolución (anexo I).
As solicitudes para unha edición concreta do curso admitiranse ata como máximo 10 días hábiles antes da realización da dita edición do curso, segundo o calendario das edicións do curso para o ano 2023, que se publica como anexo II a esta resolución.
Cando se acade un número mínimo de 20 solicitudes, a Agasp programará a súa realización e publicará na súa páxina web a listaxe de persoas admitidas e as excluídas en cada edición que se realice e, ademais, as persoas interesadas recibirán un correo electrónico e un sms, indicándolles toda a información relativa ao curso (data de realización e horario).