lunes, 9 de enero de 2023

AXUDA ECONÓMICA ÁS PERSOAS BENEFICIARIAS DO RÉXIME DE PROTECCIÓN TEMPORAL AFECTADAS PLO CONFLITO DE UCRAÍNA PARA 2023

 CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión dunha axuda económica ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento BS631E).

Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para a concesión dunha axuda económica, durante seis meses consecutivos, ás persoas beneficiarias do réxime de protección temporal afectadas polo conflito en Ucraína que carezan de recursos económicos suficientes.
2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria e por tramitación anticipada de gasto.

Requisitos das persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que estean en posesión do estatuto de protección temporal, de conformidade co Real decreto 1325/2003, do 24 de outubro, polo que se aproba o Regulamento sobre réxime de protección temporal no caso de afluencia masiva de persoas desprazadas, e da Orde PCM/169/2022, do 9 de marzo, pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da protección temporal a persoas afectadas polo conflito en Ucraína, e pola Orde PCM/170/2022, do 9 de marzo, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 8 de marzo de 2022, polo que se amplía a protección temporal outorgada en virtude da Decisión de execución (UE) nº 2022/382 do Consello, do 4 de marzo de 2022, a persoas afectadas polo conflito en Ucraína que poidan atopar refuxio en España.
b) Que figuren como empadroadas nalgún concello de Galicia.
c) Que acrediten a carencia de recursos económicos, nos termos do Real decreto 220/2022, do 29 de marzo, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula o sistema de acollida en materia de protección internacional.
d) Que, no momento de presentar a solicitude, a persoa beneficiaria non ocupe praza nin obteña recursos ou medios do dispositivo de emerxencia da Secretaría de Estado de Migracións para atender persoas desprazadas nin de ningún dos programas que forman parte do itinerario de acollida.

Determinación do importe da subvención
1. Asignarase unha contía fixa de 400 euros ao mes por persoa adulta que teña a condición de destinataria final da subvención, conforme os requisitos do artigo anterior, máis 100 euros por persoa menor de idade a cargo. No caso de existir máis dunha persoa responsable do menor, soamente unha delas poderá percibir a contía adicional por menores de idade a cargo.
A axuda aboarase mensualmente durante seis meses.
2. Unha vez recibidas as solicitudes, a axuda concederase a todos os que a soliciten ata o esgotamento do crédito. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

Compatibilidade das axudas
As subvencións concedidas ao amparo desta orde serán incompatibles coa percepción por parte das persoas beneficiarias dos recursos, actuacións e servizos proporcionados a través do itinerario do sistema de acollida de protección internacional, regulado no Real decreto 220/2022, do 29 de marzo, ou do dispositivo de emerxencia.

Presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo).
2. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.