miércoles, 21 de junio de 2023

SUBVENCIÓNS PROGRAMA DE FOMENTO DE ALOXAMENTOS TEMPORAIS, MODELO COHOUSING,VIVENDAS INTERXENERACIONAIS E MODALIDADES SIMILARES, 2023

 INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeneracionais e modalidades similares, do Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2023 (código de procedemento VI435C).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das subvencións do Programa de fomento de aloxamentos temporais, de modelos cohousing, de vivendas interxeracionais e modalidades similares, de conformidade co Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso a vivenda 2022-2025 (en diante, Plan 2022-2025), para fomentar a vivenda cooperativa en cesión de uso e outras solucións residenciais modelo cohousing, aloxamentos temporais ou outras modalidades similares, destinados ao alugueiro, á cesión en uso ou ao goce temporal en calquera réxime admitido en dereito, xa sexan de titularidade pública ou privada.
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.
3. A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:
a) Persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas.
c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.
2. As persoas beneficiarias deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. En cada convocatoria das axudas deste programa especificaranse as persoas beneficiarias de entre as sinaladas no número 1 deste ordinal.

Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e terminará o día 2 de novembro de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, o que será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, de acordo co previsto no artigo 32 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG, de conformidade co artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.