jueves, 22 de junio de 2023

CONVOCATORIA CURSOS DE LINGUAXE ADMINISTRATIVA GALEGA E CURSOS PREPARATORIOS PARA OS CERTIFICADOS DE LINGUA GALEGA (CELGA)

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2023, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán en distintos períodos e en varias escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Obxecto
Convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior en liña, e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), para o curso 2023/24, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos I e II, respectivamente.
Os cursos impartiranse entre setembro de 2023 e maio de 2024, en horario de mañá ou de tarde.

Solicitudes e prazos de inscrición
As persoas que desexen participar nos cursos convocados nesta resolución deberán cubrir o formulario de inscrición telemática no enderezo www.eoidigital.com/preinslinguagalega. As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na secretaría da escola oficial de idiomas correspondente unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.
O alumnado con necesidades educativas especiais indicará na súa solicitude a acreditación do seu grao de discapacidade. A escola poñerá esta circunstancia en coñecemento dos equipos de orientación específicos dependentes da xefatura territorial respectiva, no prazo máximo dun mes contado a partir do último día establecido para a presentación da documentación, para que se determinen as adaptacións pertinentes.
Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra de prazo.
O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá dende o día 3 ata o 14 de xullo de 2023, para os cursos do primeiro cuadrimestre (setembro-decembro); e dende o 13 ata o 24 de novembro de 2023, para os cursos do segundo cuadrimestre (febreiro-maio).
A falsidade ou a ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado.

Cursos que se ofertan
Os cursos de linguaxe administrativa galega ofertados nas distintas escolas oficiais de idiomas de Galicia figuran no anexo I desta resolución.
A oferta dos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, figura no anexo II.
A oferta de cursos recollida nesta resolución poderá ser modificada en función da organización académica de cada escola, caso en que as escolas oficiais de idiomas farán pública a nova oferta con anterioridade suficiente ao inicio dos cursos.