miércoles, 28 de junio de 2023

SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA DE PROGRAMAS INTEGRADOS DE EMPREGO DE GALICIA 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

ORDE do 14 de xuño de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento TR332A).

Obxecto
Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria para o ano 2023, das subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e durante un período de 12 meses, para lles facilitar ás persoas traballadoras en situación de desemprego os recursos e ferramentas que melloren a súa empregabilidade, as activen laboralmente e lles proporcionen competencias transversais que incrementen as súas posibilidades de inserción laboral. Todas as persoas participantes nestes programas deberán ser persoas en situación de desemprego inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Os programas integrados de emprego están destinados a atender 100 persoas desempregadas. O obxectivo de inserción laboral deberá ser, polo menos, do 35 % das persoas demandantes de emprego atendidas durante o desenvolvemento do programa.
De xeito xenérico, considerarase inserción laboral das persoas atendidas cando, durante o prazo de 12 meses de execución do programa, sexan contratadas por conta allea e acumulen, mediante un ou varios contratos iniciados no dito período, unha duración non inferior a:
• No caso de tratarse de contratos a xornada completa, 90 días de cotización en vida laboral.
• No caso de contratos a tempo parcial, 60 días de cotización en vida laboral.
• No caso de que se combinen contratos a tempo completo e parcial e non se acade a duración dos dous puntos anteriores, 75 días de cotización en vida laboral.
Tamén se considera inserción laboral cando inicien, durante este mesmo prazo de 12 meses ou dentro dos 3 meses inmediatamente posteriores, unha actividade por conta propia ou formando parte como persoas socias traballadoras ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral, que acade unha duración non inferior a 6 meses.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:
a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2022 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto.
Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.
Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:
• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.
• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.
• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos que se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.
b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Prazo de presentación de solicitudes.
Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.