martes, 20 de junio de 2023

AXUDAS DESTINADAS AO APOIO DE ENTIDADES QUE SUPERARON OS LIMIARES MÍNIMOS DO PROGRAMA NEOTEC E NEOTEC MULLERES EMPRENDEDORAS PARA 2023

 AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas destinadas ao apoio de entidades que superaron os limiares mínimos do Programa Neotec e Neotec Mulleres Emprendedoras do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación E.P.E. (CDTI) nas súas convocatorias do ano 2022, e se procede á súa convocatoria para o ano 2023. Programa Recuperación Excelencia Neotec (código de procedemento IN870A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas á posta en marcha de novos proxectos empresariais que requiran o uso de tecnoloxía ou coñecementos desenvoltos a partir da actividade investigadora e en que a estratexia de negocio se basee no desenvolvemento de tecnoloxía, rescatando para iso aqueles proxectos presentados ás convocatorias de referencia (Programa Neotec e Neotec Mujeres Emprendedoras) que superaron os limiares mínimos recollidos nas devanditas convocatorias do ano 2022 pero que non adquiriron a condición de beneficiarias por insuficiencia de crédito (código de procedemento IN870A).
2. As axudas teñen tamén por obxecto promover o crecemento das mellores empresas de base tecnolóxica na nosa comunidade, apoiando aqueles proxectos que se teñen constituído desde os seus inicios en Galicia ou que, non estando situadas en Galicia no momento de solicitude, se comprometan a trasladar a súa sede social, fiscal, e centro de traballo á nosa comunidade se resultan beneficiarias da axuda. Así mesmo, prímase a incorporación de persoas con grao de doutor (en diante, doutor/a) á empresa para reforzar as súas capacidades de absorción e xeración de coñecemento.
As axudas poderán destinarse a proxectos empresariais en calquera ámbito tecnolóxico e/o sectorial. Con todo, non se adecúan a esta convocatoria os proxectos empresariais cuxo modelo de negocio se basee primordialmente en servizos a terceiros, sen desenvolvemento de tecnoloxía propia. Tampouco serán obxecto de axuda aquelas iniciativas que non reflictan claramente no seu plan de empresa a continuidade no desenvolvemento de tecnoloxía.
3. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse as ditas axudas para o ano 2023 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva. As axudas concedidas no marco desta resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado publicado no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE núm. 187, do 26.6.2014).

Beneficiarias
1. Terán a consideración de beneficiarias as pequenas empresas innovadoras que, presentando unha solicitude de axuda ás convocatorias de referencia, resultasen desestimadas por insuficiencia de orzamento dispoñible para financiar o proxecto con cargo á devandita convocatoria conforme a Resolución definitiva da Presidencia do CDTI da convocatoria dos programas Neotec e Neotec Mujeres Emprendedoras do ano 2022.
Conforme as devanditas resolucións, as beneficiarias desta convocatoria son pequenas empresas que poden considerarse empresa innovadora conforme os artigos 2 e 3 das convocatorias de referencia, e que, dando cumprimento aos requisitos de elixibilidade e superado os limiares mínimos do artigo 11.4 das convocatorias de referencia, non alcanzaron a puntuación requirida para ser financiables.
2. As beneficiarias en función da sede e localización do centro de traballo indicado na convocatoria de referencia deberán cumprir unha das seguintes condicións:
i) Ter sede social, sede fiscal e centro de traballo principal en Galicia na data de presentación da solicitude.
ii) Presentar, xunto coa solicitude, unha declaración aclaratoria da motivación de trasladar a súa sede social, sede fiscal e centro de traballo a Galicia no prazo dun mes desde a data de resolución da presente convocatoria.
3. Así mesmo, as beneficiarias deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Non estar cotizadas, nin se engada nunha bolsa de valores, excepto as plataformas de negociación alternativa.
b) Estar constituídas como máximo nos cinco anos anteriores á data de peche do prazo de presentación de solicitudes de axuda á presente convocatoria, contado desde a data de outorgamento da escritura de constitución da empresa.
c) Non distribuír beneficios.
d) Ter sido rexistradas ou iniciada a súa actividade económica desde hai 5 anos como máximo.
e) Contar cun capital social mínimo, o capital social máis prima de emisión ou asunción, de 20.000 euros, desembolsado integramente e inscrito totalmente no rexistro correspondente antes da presentación da solicitude.
4. Non poderán adquirir a condición de beneficiario as seguintes entidades:
a) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
b) As empresas en crises conforme a definición contida no artigo 2.
c) As entidades do sector público institucional comprendidas no artigo 2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sdector público, fóra das sociedades mercantís públicas.
d) As entidades que incumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) As empresas que resultasen beneficiarias, con carácter previo á presente convocatoria, de anteriores axudas do Programa Neotec, así como da Resolución do 4 de agosto de 2022 da Axencia Galega de Innovación (código de procedemento IN870A) e dos convenios de colaboración subscritos entre a Axencia Galega de Innovación e pequenas empresas de Galicia para a execución de proxectos de desenvolvemento empresarial presentados ao Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial e avaliados de forma favorable pero non financiados no marco do Programa Neotec (convocatoria de 2020) do subprograma estatal de I+D+i empresarial.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.