martes, 6 de junio de 2023

PRAZAS DE RESIDENCIA NOS CENTROS RESIDENCIAIS DOCENTES DA CORUÑA, OURENSE E VIGO PARA REALIZAR ESTUDOS POSTOBRIGATORIOS NON UNIVERSITARIOS NO CURSO 2023/2024

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 16 de maio de 2023 pola que se convocan prazas de residencia nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo para realizar estudos postobrigatorios non universitarios no curso 2023/24 (código de procedemento ED306A).

Obxecto e ámbito de aplicación
1. A presente orde ten por obxecto regular o procedemento (código ED306A) para adxudicar as prazas de residencia existentes nos centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo, ao alumnado que no curso académico 2023/24 inicie ou continúe estudos postobrigatorios non universitarios en centros docentes públicos ou privados concertados situados nos termos municipais da Coruña, Culleredo, Ourense e Vigo.
2. No caso de centros docentes privados concertados deberá tratarse de ensinanzas e niveis incluídos no ámbito do concerto educativo.

Condición de solicitante
Para os efectos desta orde, terá a condición de solicitante a alumna ou o alumno. No caso de que sexan menores de idade, actuarán asistidos polos seus representantes legais.Residentes con reserva de praza
1. As persoas residentes terán reserva de praza ata que completen os cursos dun concreto nivel educativo ou ciclo formativo que dean lugar á obtención dun título académico, sempre que non repitan curso e non variasen as demais circunstancias que se tiveron en conta para a adxudicación inicial.
2. Se queda algunha praza sen ocupar, deberá acumularse ás vacantes ofertadas polo centro ou, de ser o caso, ofertarse ao alumnado que figure na listaxe de suplentes, respectando a orde de prelación. Así mesmo, o centro residencial deberá comunicar esta circunstancia e número de prazas afectadas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

Residentes sen reserva de praza
As persoas residentes que rematen un concreto nivel educativo ou ciclo formativo, acadando ou reunindo as condicións necesarias para obter o título académico correspondente, non teñen reserva de praza, polo tanto, para continuaren estudos deberán presentar nova solicitude.

Prazas de residencia reservadas e prazas vacantes
Os centros residenciais docentes, no prazo de tres (3) días contados a partir do seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia:
1. Elaborarán e remitirán á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos unha estimación nominativa das persoas residentes que, á vista da información dispoñible nesa data, poidan ter reserva de praza para o curso 2023/24.
2. Publicarán o número de prazas vacantes ofertadas na súa páxina web e/ou no seu taboleiro de anuncios.Requisitos académicos e persoais

A persoa solicitante deberá reunir os seguintes requisitos:
1. Estar matriculada en estudos postobrigatorios non universitarios nalgún dos centros docentes indicados no artigo 1 desta orde no curso 2023/24.
2. Non repetir curso nin ter abandonado o curso iniciado. Non obstante, o alumnado que obtivo praza de residencia e non progresou ao curso seguinte ou abandonou o curso iniciado, poderá presentar solicitude de praza de residencia unha única vez máis para cursar un estudo distinto.
Excepcionalmente, por causas debidamente xustificadas, a Comisión de Valoración poderá eximir de forma motivada do cumprimento destes requisitos, á vista da proposta que efectúe o centro residencial e do informe da inspección educativa, para que poida continuar no centro residencial malia repetir o mesmo curso ou retomar o abandonado.
3. Non ter sido expulsada no curso anterior dun centro residencial nin estar sometida a un procedemento disciplinario en trámite, por algunha das condutas gravemente prexudiciais para a convivencia descritas no artigo 15 da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, e no capítulo II do Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes en período ordinario será:
1. Para o alumnado matriculado en bacharelato, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 12 de xullo de 2023 (este incluído).
2. Para o alumnado matriculado en ciclos formativos, entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria e o 1 de agosto de 2023 (este incluído).