lunes, 5 de junio de 2023

AXUDAS Á DIXITALIZACIÓN INDUSTRIA 4.0 PARA O ANO 2023

 INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2023, susceptibles de ser cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas, ou entre dúas ou máis empresas galegas, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Persoas beneficiarias
As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), de calquera sector de actividade económica incluído no ámbito de aplicación do devandito regulamento, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos e que teñan un centro de traballo en Galicia en que se vaia realizar o proxecto.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes, contado desde as 8.00 horas do día de inicio do prazo e ata as 14.00 horas do día en que se cumpra o devandito prazo dun mes.