miércoles, 28 de junio de 2023

SUBVENCIÓNS DESTINADAS AO FOMENTO DA CONTRATACIÓN DE MULLERES QUE SOFREN VIOLENCIA DE XÉNERO 2023

 CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo Plus no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI461B).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
Por medio desta convocatoria, as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
A contía da subvención que se lles concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a resultante de aplicar o método de custos simplificados calculado consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a) i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021. Este método de custos simplificados consiste nun custo unitario, en función do grupo de cotización en que se encontren as traballadoras en cuestión, calculado como un múltiplo do IPREM máis a cotización empresarial á Seguridade Social, entre un máximo subvencionable de 2.763,60 euros/mes para os grupos de cotización 1 ao 4, 1.842,40 euros/mes para os grupos de cotización 5 ao 9, e 1.381,80 euros/mes para os grupos de cotización 10 e 11, durante doce (12) meses.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:
a) As entidades sen ánimo de lucro.
b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.
2. Para seren beneficiarias, as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Carecer de ánimo de lucro.
b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.
c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.