martes, 25 de septiembre de 2018

XUVENTUR 2018

         




XUVENTUR 2018


Programa de educación non formal para a mocidade en aloxamentos turísticos de Galicia situados no medio rural


Que é “ XuvenTur”?
A Axencia Turismo de Galicia e a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado poñen en marcha unha nova edición do programa “XuvenTur”·
Trátase dun programa de actividades de educación non formal para desenvolver en aloxamentos turísticos de Galicia situados no medio rural , en estancias de fin de semana, que sirva tanto para a adquisición de competencias e habilidades por parte da mocidade como para fomentar o coñecemento da riqueza natural, o coidado do ambiente, o goce da paisaxe e o contacto coa natureza entre a mocidade. Ofrécense distintas alternativas de participación no mes de outubro.

Quen pode participar?
“XuvenTur” está dirixido á xente nova que teña entre 18 e 30 anos no momento da solicitude e queira gozar dun programa de actividades de educación non formal nos espazos naturais de Galicia.

Obxectivos do programa:
Mellorar as competencias e habilidades da xuventude a través da educación non formal.
Facilitar que as mozas e mozos galegos participantes coñezan a xeografía e patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia, promovendo o seu respecto.
Proporcionar á xente nova a oportunidade de vivir a experiencia do turismo rural de Galicia.
Promover a educación ambiental e o ocio saudable.

O programa, que é gratuíto, inclúe:
Aloxamento en establecementos rurais (noites de venres e sábado). A asignación de cuartos será de libre disposición, o que supón que haberá que compartir os que sexan de dúas prazas no momento da asignación dos mesmos
Manutención completa dende a cea do venres ata o almorzo do domingo
Programa de actividades, equipo técnico responsable, así como o material preciso para o seu desenvolvemento (no suposto de mal tempo levaranse a cabo actividades alternativas)     
O desprazamento ata os aloxamentos vai por conta das persoas que participan, tanto o día de incorporación como o día do remate da actividade.

Condicións de participación
Cada persoa solicitante só poderá elixir un programa e unha quenda.
As persoas mozas participantes terán que respectar os horarios establecidos.
Durante a estancia nos aloxamentos, respectaranse as normas de organización interna en cada un deles.
As persoas organizadoras reservaranse o dereito a cambiar algunha parte do programa ou servizo, incluso de cancelalo en caso de que sexa necesario por seguridade das persoas participantes.
A realización e o desenvolvemento das actividades estará condicionada polas condicións meteorolóxicas xerais.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado poderá cancelar calquera dos programas, en caso de que non exista un número mínimo de participantes.
Se calquera das persoas participantes incumpre as normas xerais que alteren o desenvolvemento normal da viaxe, poderán ser expulsadas da súa participación na actividade correspondente.
Será necesario levar a tarxeta sanitaria e o DNI durante os días de realización do programa.
A incorporación realizarase o venres pola tarde antes das 21:00 h, e a saída será ao remate da actividade que será sempre os domingos antes do xantar (consultar o programa de cada actividade para saber o horario específico)
A participación no programa supón a aceptación das condicións deste. Noutro caso poderá excluírse do programa á persoa participante que incumpra as devanditas condicións.

Material necesario
Útiles de aseo, roupa axeitada (usada e cómoda), prendas de abrigo e chuvia, calzado deportivo (forte e cómodo) e mochila.
É importante que a roupa e o calzado sexan axeitados para as actividades do programa elixido. En cada programa figuran as indicacións a este respecto.

Prazas
O número de prazas dispoñibles en cada unha das opcións e fins de semana é de 18.

Inscricións e reservas
A reserva de praza efectuarase unicamente a través do formulario de inscrición que podes descargar no seguinte enlace.
As prazas asinaranse por estrita orde de chegada.
A confirmación da praza farase por correo electrónico. Unha vez confirmada a praza haberá un prazo de 48 horas para remitir por correo electrónico a fotocopia escaneada do DNI. Esta documentación debe enviarse ao enderezo de correo electrónico xuventude.programas@xunta.gal indicando no asunto o programa ao que está inscrito.
Aviso: a falta de datos, que estes sexan erróneos, enviar mal a documentación ou non enviala ocasionará a baixa automática do programa e as prazas quedarán dispoñibles para as persoas en reserva.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición comezará o día  14 de setembro ás 9:00 horas.

Adxudicación das prazas
As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición ata esgotar todas as dispoñibles por programa.
No formulario de confirmación de solicitude, só se poderá elixir unha quenda.
Os/as participantes admitidos/as que por calquera causa non poidan finalmente asistir ás actividades, deberán comunicalo á Dirección Xeral Xuventude, Participación e Voluntariado a través dun correo electrónico (xuventude.programas@xunta.gal) cunha antelación mínima de 5 días naturais a data de inicio do programa, co fin de poder asinar as prazas vacantes aos solicitantes da lista de espera.
De non facelo así quedarán excluídos de participación en sucesivas edicións deste programa e nos demais que poña en marcha a Dirección Xeral Xuventude, Participación e Voluntariado.