lunes, 24 de septiembre de 2018

SUBVENCIÓNS Á PROMOCIÓN DA IGUALDADE ENTRE MULLERES E HOMES E DE PREVENCIÓN E LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, e teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria de axudas para o ano 2018 destinadas á realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Secretaría Xeral da Igualdade.
As subvencións destinaranse a programas de interese xeral que teñan fins de carácter social, dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e loita contra a violencia de xénero. O contido dos programas deberá axustarse ás dúas liñas de actuación sinaladas a continuación:
Liña 1. Actuacións no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes.
Liña 2. Accións de prevención e loita contra a violencia de xénero e apoio ás súas vítimas.

Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social, e a Cruz Vermella Española, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. As entidades solicitantes deberán estar inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución da entidade, o seu patrimonio se destina a fins sociais, e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa función con carácter gratuíto, de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c) Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización dos programas e actuacións subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
Os fins e obxectivos das entidades solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos seus estatutos ou desprenderse da súa actuación xeral.
f) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
2. Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no punto 1 anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención que se aplicará a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.