viernes, 28 de septiembre de 2018

PROGRAMA TALENTO SÉNIOR

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas do Programa Talento Sénior da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás empresas e organismos de investigación en Galicia, destinadas ao fomento da contratación durante un período mínimo de 3 anos de persoal de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i aliñadas coas prioridades establecidas na RIS3 para Galicia. Este programa ten, entre os seus obxectivos, a atracción e retorno de investigadores doutores ou profesionais de alta cualificación con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i.

Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as devanditas axudas para o ano 2018 en réxime de concorrencia competitiva (código procedemento IN858A). As axudas concedidas ás empresas no marco da presente resolución axustaranse ao establecido no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, en virtude do que o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Este límite máximo aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) As empresas, de calquera tamaño, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia.
b) Os organismos de investigación públicos ou privados galegos ou con centro de traballo en Galicia, tendo en conta que quedan obrigados a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativas a actuacións de I+D+i.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo fora inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.