martes, 25 de septiembre de 2018

SUBVENCIÓNS A PROGRAMAS DE INTERESE XERAL PARA FINS DE CARÁCTER SOCIAL

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL


Obxecto
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de axudas para a realización de programas de interese xeral que atenden fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas xestionado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia (código de procedemento BS623D).
O contido dos programas deberá axustarse ás liñas de actuación sinaladas a continuación, segundo a tipoloxía de cada programa:
a) Liña I: actuacións no ámbito da familia, infancia e dinamización demográfica.
b) Liña II: actuacións de inclusión social.
c) Liña III: actuacións destinadas á atención, promoción da autonomía persoal e apoio das persoas maiores ou a persoas con discapacidade.
d) Liña IV: proxectos de investimento e adecuación de centros e unidades de atención destinados a persoas maiores ou a persoas con discapacidade.
e) Liña V: actuacións destinadas á xuventude.
f) Liña VI: actuacións destinadas ao voluntariado.

Persoas beneficiarias
Entidades do terceiro sector de acción social definidas no artigo 2 da Lei 43/2015, do 9 de outubro, do terceiro sector de acción social e a Cruz Vermella Española, sempre que cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar legalmente constituídas con dous anos de antelación á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e debidamente inscritas no correspondente rexistro administrativo de ámbito autonómico. A/as entidade/s solicitante/s deberá/n de estar inscrita/s no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS), no Rexistro de Entidades Xuvenís ou ben no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. O cumprimento deste requisito será comprobado de oficio pola Administración. Este requisito entenderase cumprido coa presentación da solicitude de inscrición dentro do prazo de presentación das solicitudes establecido no artigo 7.3. En todo caso, a entidade deberá de estar debidamente inscrita no momento de pagamento da subvención.
b) Carecer de ánimo de lucro. Para estes efectos, acreditarase que non reparten beneficios, que, no caso de liquidación ou disolución desta, o seu patrimonio se destina a fins sociais e que os membros do seu padroado e/ou órgano de goberno desenvolven a súa encomenda con carácter gratuíto de conformidade co disposto nos seus estatutos e co disposto nos puntos 2, 5, 6 e 10 do artigo 3 da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
c)Ter o seu domicilio social ou delegación na Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.
e) Ter entre os seus fins institucionais recollidos nos seus estatutos a realización das actividades consideradas subvencionables de acordo co establecido no artigo 5.
f) As entidades que formen parte dunha federación ou persoa xurídica similar de ámbito autonómico deberán de solicitar as axudas a través de estas.
g) Desenvolver as súas actividades de xeito efectivo, contando con medios persoais e materias necesarios, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
Todos os requisitos sinalados deberán cumprirse na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Dentro dos límites da lexislación autonómica tamén poderán ser beneficiarias as agrupacións de organizacións sen personalidade xurídica nos seguintes termos:
a) Cada un dos seus membros deberá cumprir os requisitos establecidos no parágrafo anterior.
b) Deberán indicar os compromisos asumidos por cada un dos seus membros e o importe da subvención a aplicar a cada un deles.
c) Deberán nomear unha persoa en representación con poderes bastantes para cumprir coas obrigas que, como entidade beneficiaria, corresponden á agrupación.
d) Non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
No caso de que algunha das entidades solicitantes sexa unha federación, confederación ou persoa xurídica similar que integre no seu seo varias entidades, poderá propoñer de entre estas unha ou varias entidades para executar os programas, as cales actuarán no nome e por conta da entidade solicitante.
Non se entenderán incluídos dentro da tipoloxía destas entidades do terceiro sector de acción social os organismos ou entidades de dereito público adscritos ou vinculados a unha Administración pública, as universidades, os partidos políticos e as fundacións deles dependentes, os colexios profesionais, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, as sociedades civís, as organizacións empresariais e os sindicatos, e outras entidades con análogos fins específicos e natureza que os citados anteriormente.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Outros datos
Consideraranse como gastos subvencionables os que, de maneira indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada ao abeiro do correspondente programa e resulten estritamente necesarios, que se efectúen durante o ano 2019 e sexan efectivamente pagados antes do 15 de febreiro de 2020.
O pagamento do 100 % do importe da subvención concedida realizarase dunha soa vez en concepto de anticipado, que se fará efectivo unha vez notificada a resolución e, en todo caso, na anualidade 2018.
A concesión da axuda tramítase en réxime de concorrencia competitiva e non se poderá conceder subvención ás solicitudes que non obteñan unha puntuación mínima global de 50 puntos.