lunes, 3 de septiembre de 2018

AXUDAS A CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO CO FIN DE PROMOVER A INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA



Programa I: subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional (procedemento TR341K).

Obxecto e finalidade
O obxecto deste programa é subvencionar os custos salariais e da Seguridade Social por conta da empresa derivados da contratación indefinida do persoal das unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos CEE.
A finalidade é promover a integración laboral das persoas con discapacidade con maiores dificultades de inserción mediante o seu emprego nos CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.
Entidades beneficiarias
Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo II das bases reguladoras e, en particular:
a) Que formen parte do seu cadro de persoal traballadores e/ou traballadoras co tipo e grao de discapacidade establecido no artigo 5.3 da orde que establece as bases reguladoras destas axudas e que se define no punto terceiro deste extracto.
b) Que dispoñan de unidades de apoio á actividade profesional e que estas teñan a composición establecida no artigo 31 das bases reguladoras.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.
Persoal destinatario final do programa
As persoas traballadoras dos CEE con discapacidade con especiais dificultades para a súa inserción laboral. Defínense así as persoas que se atopen nalgún seguintes supostos:
a) Persoas con parálise cerebral, persoas con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
b) Persoas con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 20 de setembro de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Período subvencionable e xustificación da axuda
Con cargo á anualidade de 2018 subvencionarase o período de 1 de xullo de 2018 ata o 30 de novembro de 2018. A data máxima de xustificación será o 10 de decembro de 2018.
Con cargo á anualidade 2019 subvencionarase o período de 1 de decembro de 2018 ata o 30 de xuño de 2019. A data máxima de xustificación será o 30 de agosto de 2019.

Programa II: axudas para a creación de postos de traballo, a súa adaptación e asistencia técnica a CEE (procedementos TR341E e TR341N).

Obxecto
O obxecto deste programa é incentivar a creación de postos de traballo indefinidos, financiar as adaptacións dos postos de traballo e as asistencias técnicas que precisen os CEE sen ánimo de lucro, mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable, para traballadores e traballadoras con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia.
Tipos de axuda
1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:
1.1. Subvención a proxectos de creación de postos de traballo de carácter indefinido en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).
Finánciase a creación de postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas ou pola transformación en indefinidos dos contratos temporais, nos CEE sen ánimo de lucro.
Establécese unha contía base de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa, que será proporcional á xornada de traballo. O importe desta contía poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, emigrante, maior de 45 anos, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou ter o centro de traballo nun concello rural.
A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 27.000 euros. Cada CEE poderá solicitar axuda por un máximo de 25 postos de traballo.
1.2. Subvención para adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).
Finánciase á adaptación de postos de traballo ás persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE sen ánimo de lucro.
A contía será de 2.000 euros por cada posto adaptado.
1.3. Subvención por asistencia técnica (procedemento TR341N). Consta de 4 modalidades:
a) Axuda para a contratación de persoal de dirección.
b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.
c) Axudas de asistencia técnica consistentes en estudos, informes, asesoramento ou auditorías económicas e sociais.
d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.
A contía máxima por CEE será de 15.000 euros para as letras a), b) e c) no seu conxunto e 3.000 euros para a letra d).
2. O gasto realizado tanto no investimento en activo fixo como na adaptación de postos de traballo ou na asistencia técnica, excluídos o IVE ou, de ser o caso, os impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, é subvencionable ata 100 % do gasto realizado para os CEE cualificados sen ánimo de lucro. O gasto da auditoría para a conta xustificativa dos programas I e III é subvencionable ata o 80 % nos CEE con ánimo de lucro e ata o 100 % nos centros que carezan de lucro.
Entidades beneficiarias
1. Serán beneficiarios deste programa os CEE cualificados sen ánimo de lucro polo Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo. Exceptúase o caso de asistencia técnica para informe de auditoría sobre a conta xustificativa recollida no artigo 40.d) a que poderán optar todos os CEE inscritos no Rexistro Administrativo de CEE da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 20 de setembro de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial nos CEE (procedemento TR341M).

Obxecto
O obxecto deste programa é axudar aos CEE para manter os postos de traballo dos traballadores e das traballadoras con discapacidade mediante o financiamento parcial dos seus custos salariais.
Entidades beneficiarias
Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo IV das bases reguladoras.
Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que, na data de presentación da solicitude de axudas, teñan solicitado a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 20 de setembro de 2018. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.