martes, 29 de mayo de 2018

PROGRAMA IGNICIA

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Convocatoria e condicións xerais
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as condicións xerais polas que se rexerá o Programa Ignicia proba de concepto que ten como finalidade poñer en valor e apoiar o desenvolvemento das aplicacións comerciais da investigación xerada polos centros de coñecemento, de acordo co previsto no artigo 31 da Lei galega 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e innovación.
Constitúese, polo tanto, cos seguintes obxectivos:
a) Facilitar a transferencia de resultados de investigación desde organismos de investigación ao mercado.
b) Acelerar e mellorar os éxitos nos procesos de transferencia tecnolóxica.
c) Contribuír á rendibilización económica e social do investimento público en investigación.
d) Internacionalizar a función de transferencia na tecnoloxía.
e) Detectar cedo proxectos con potencial innovador e de mercado.
2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á súa convocatoria para o ano 2018 en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN855A).
Fases do programa
O Programa Ignicia proba de concepto estrutúrase en tres fases:
I. Fase de maduración.
II. Fase de investimento.
III. Fase de seguimento.
Beneficiarios
Poderán ser promotores de proxectos e participar na presente convocatoria, os organismos de investigación e difusión de coñecementos (públicos e/ou privados sen ánimo de lucro) con centros de traballo en Galicia.
Considéranse organismos de investigación e difusión de coñecementos, segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades, fundacións ou institutos de investigación, centros tecnolóxicos ou de investigación...), independentemente da súa personalidade xurídica ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de xeito independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os seus resultados mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos; cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado.
Prazo de Solicitude
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.