martes, 22 de mayo de 2018

AXUDAS AOS INVESTIMENTOS EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL


 Obxecto
1. Poderán ser subvencionables os investimentos relativos ás operacións de aproveitamento, transformación e comercialización dos produtos forestais (madeira, cogomelos, castañas, plantas aromáticas e medicinais, biomasa e outros produtos forestais), a excepción dos referidos no artigo 5. Os investimentos destinados a biomasa e outros produtos forestais distintos da madeira só serán subvencionables cando estes produtos teñan a súa orixe e se recollan no monte.
2. Poderanse subvencionar investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing) ou calquera outra figura análoga, subvencionándose neste caso unicamente o importe correspondente á opción de compra. A opción de compra deberá realizarse no prazo de execución do investimento.
Entidades beneficiarios
1. Poderán ser entidades beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) do sector forestal radicadas en Galicia. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan a menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.
2. Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
1º. Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe disto.
2º. Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
3º. Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
4º. Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
5º. Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.
b) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración responsable do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.
c) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de axuda e un contrato de prevención de riscos laborais.
d) Deberán estar inscritos no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na data do fin do prazo de solicitude. As empresas con instalacións fixas deberán estar inscritas no Rexistro Industrial na anterior data.
e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas axudas inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
3. Non poderán acadar a condición de beneficiarios:
a) Aqueles solicitantes nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán declarar na solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.
c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.