martes, 29 de mayo de 2018

CONVOCATORIA PROBAS OBTENCIÓN E RENOVACIÓN DO CERTIFICADO DE CONSELLEIRO DE SEGURIDADE PARA O TRANSPORTE DE MERCADORÍAS PERIGOSAS POR ESTRADA E POR FERROCARRIL

CONSELLERÍA DE INFRAESTRUTURAS E VIVENDA


Obxecto das probas, modalidades e programa

1. Rexeranse polas bases contidas neste anexo:
a) As probas para obter o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310A).
b) As probas para renovar o certificado de capacitación profesional de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, tanto na modalidade de estrada como na de ferrocarril (código de procedemento IF310B).
Participarán nas probas da modalidade a) aquelas persoas que aspiren a obter por vez primeira o certificado. Participarán na modalidade b) aquelas persoas que xa sexan titulares do certificado e precisen renovalo de conformidade coa normativa vixente; en concreto, o dito certificado estará en vigor e dentro do seu último ano de validez o día da realización das probas.

2. As probas indicadas no punto anterior abranguerán as seguintes especialidades:
a) Todas as clases.
b) Clase 1 (materias e obxectos explosivos).
c) Clase 2 (gases).
d) Clase 7 (materias radioactivas).
e) Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9 (materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo europeo para o transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada –ADR– e no Regulamento relativo ao transporte internacional por ferrocarril de mercadorías perigosas –RID–).
f) Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (gasóleo), 1203 (gasolina) e 1223 (queroseno).

3. As persoas aspirantes poderán presentarse a unha ou varias das probas convocadas, tanto para cada modalidade –transporte por estrada ou por ferrocarril– como para unha das especialidades indicadas no punto anterior. Cada unha das probas para as que se solicite a inscrición dará lugar, en calquera caso, ao aboamento da correspondente taxa, de acordo co establecido na base sexta.

4. A normativa sobre a que versarán os exercicios será o ADR, o RID e demais lexislación estatal, comunitaria e internacional que afecte ao transporte de mercadorías perigosas por estrada e ferrocarril. A referida normativa será a vixente na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

De conformidade co establecido no anexo do Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, sobre os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable, os coñecementos que se terán en conta para a expedición do correspondente certificado referiranse, como mínimo, ás materias que no dito anexo se relacionan.

Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes para participar nas probas será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A non presentación da solicitude e o non pagamento da taxa en tempo e forma suporá a exclusión da persoa aspirante; igualmente, a consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación presentada polas persoas aspirantes dará lugar á súa exclusión, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

O enderezo que se faga constar na solicitude considerarase como o único válido para os efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva da persoa solicitante tanto o erro na súa consignación como a comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade de calquera cambio del.