martes, 29 de mayo de 2018

AXUDAS PARA A CONCILIACIÓN POR MATERNIDADE OU PATERNIDADE DA PERSOA TRABALLADORA AUTÓNOMA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA


Obxecto
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.

2. Mediante a presente axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación durante dezaseis (16) semanas máis para a contratación dunha persoa, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade do seu proxecto empresarial.

Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de careceren deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que no prazo dos quince días seguintes ao da súa finalización contraten unha persoa traballadora por conta allea.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias.

Prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de novembro de 2017 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. Para as axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde o prazo será dun mes contado desde a data da contratación subvencionada. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.