martes, 29 de mayo de 2018

AXUDAS PARA AMPLIAR A REDUCIÓN DAS COTAS DA SEGURIDADE SOCIAL PARA A CONSOLIDACIÓN DO TRABALLO AUTÓNOMO

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA

ORDE do 27 de abril de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para ampliar a redución das cotas da Seguridade Social para a consolidación do traballo autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2018.


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerán as axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que estean ou estivesen acollidas aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, que establece que a cota por continxencias comúns, incluída a incapacidade temporal, das persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que causen alta inicial ou que non estivesen en situación de alta durante un período de tempo anterior regulado no dito artigo, contados desde a data de efectos da alta, no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, se reducirá á contía de 50 euros mensuais durante o número de meses regulados no mencionado artigo, inmediatamente seguintes á data de efectos da alta, no caso de que opten por cotizar pola base mínima que lles corresponda. As axudas só son para altas no RETA anteriores ao 1 de xaneiro de 2018 que cumpran cos requisitos regulados nesta orde.

2. Mediante esta axuda, a través do procedemento TR341P, permitirase que a persoa traballadora por conta propia desfrute das reducións indicadas no parágrafo anterior durante un máximo de seis (6) meses adicionais aos regulados no parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo, tomando como referencia a cotización pola base mínima establecida con carácter xeral e o tipo mínimo de cotización, vixentes no mes en que se producise a alta da persoa traballadora autónoma.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de traballadores por conta propia ou autónomos, que estean ou estivesen acollidos aos incentivos e medidas de fomento e promoción do traballo autónomo do parágrafo primeiro do artigo 31.1 da Lei 20/2007, do 11 de xullo, do Estatuto do traballo autónomo. As axudas só son para altas no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) anteriores ao 1 de xaneiro de 2018 que cumpran cos requisitos regulados nesta orde.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de xullo de 2018.