martes, 9 de agosto de 2016

SUBVENCIÓNS PROMOCIÓN E DIFUSIÓN DO CINE GALEGO EN FESTIVAIS E MOSTRAS DE CINE

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para contribuír á promoción e difusión do cine galego a través da participación de filmes galegos en festivais e mostras de cine de prestixio nacional e internacional que se celebren fóra de Galicia, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e dos seus organismos dependentes.
Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.
3. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) Nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 200.000 EUR durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Beneficiarios
1. Poderán optar a estas axudas todas as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas profesionalmente á actividade de creación e produción no eido audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables na cláusula seguinte.
Só poderán participar nesta convocatoria aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. En canto á participación de entidades produtoras, será preciso que a empresa estea dada de alta no IAE no epígrafe 9611. Só se poderá presentar unha única solicitude por obra para cada un dos festivais ou mostras de cine que se describen na cláusula seguinte.
Prazo
1. O prazo para a presentación das solicitudes para os eventos xa celebrados será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e para os demais será dun mes desde que se produza a comunicación oficial, por parte do festival, da selección da obra e, en calquera caso, non poderá exceder do 15 de novembro de 2016. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reunen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, indicándose ademais que, de non o facer, considerarase que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.