viernes, 19 de agosto de 2016

AXUDAS A PROXECTOS DE FORMACIÓN INDUSTRIA 4.0

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto incentivar a formación do capital humano, favorecendo a cooperación empresarial e o aproveitamento de sinerxías entre varias empresas.
O Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido aos seguintes tipos de proxectos promovidos e desenvolvidos por organismos intermedios para mellorar a capacitación do equipo humano nas empresas:
a) Proxectos de capacitación nestas tecnoloxías, metodoloxías ou técnicas relacionadas coa Industria 4.0: robotización e robotización colaborativa; fabricación aditiva; sensórica e actuadores mecatrónicos; sistemas ciberfísicos; automatización total ou estendida; intercomunicación máquina-máquina; conectividade total ou estendida; vehículos autónomos (optimización de fluxos e redución de custos); personalización de produtos; internet das cousas, internet dos equipamentos e máquinas; dixitalización; big data, cloud computing e ciberseguridade; loxística 4.0 para a integración total da cadea de subministracións coa interconexión de sistemas e máxima coordinación dos procesos loxísticos; modelaxe e simulación de procesos industriais, operativos e loxísticos.
b) Proxectos de capacitación en xestión e organización empresarial dirixidos preferentemente á capacitación de mandos intermedios: organización industrial, liderado de proxectos, protocolos de cooperación interempresarial, utilización de ferramentas de bussines intelligence e de vixilancia tecnolóxica, cocreación de produtos, novos modelos de negocio, eficiencia enerxética.
Beneficiarios
Os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para os efectos destas axudas:
a) As entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, colexios profesionais, consellos reguladores de denominacións de orixe ou clústeres empresariais apoiados no ámbito das axudas ás agrupacións (clústeres) innovadoras convocadas mediante Resolución do 28 de xuño de 2013 (DOG núm. 127, do 5 de xullo) ou que teñan a cualificación de AEI (agrupacións empresariais innovadoras) outorgada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.
b) Os centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros (BOE núm. 20, do 23 de xaneiro de 2009).
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.