lunes, 8 de agosto de 2016

AXUDAS PARA O PROGRAMA INDUSTRIAS DO FUTURO 4.0

AXENCIA GALEGA DE INNOVACIÓN


Finalidade
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación da primeira convocatoria do programa Industrias do Futuro 4.0. Este programa, incluído no Plan de acción da RIS3 Galicia, ten por obxectivo o fomento do investimento privado para o financiamento da innovación a través do apoio a grandes proxectos empresariais de I+D de carácter estratéxico para o tecido industrial galego, centrados no desenvolvemento de tecnoloxías industriais clave para conseguir un modelo produtivo innovador. Estes proxectos deberán estar aliñados coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 e coa RIS3 Galicia.
Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas axudas para o ano 2016, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva (código de procedemento IN854A), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014. No caso en que se presente algún proxecto ou plan que agrupe varios proxectos, que supere os limiares de axuda fixados neste regulamento, estes proxectos serán notificados de forma individual á Comisión Europea tras unha avaliación da súa compatibilidade co Marco sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/1) e a súa concesión quedará condicionada á aprobación previa pola Comisión.
Cómpre engadir que ao abeiro deste programa tamén poden ser beneficiarios os organismos de investigación e difusión, pero estas axudas, segundo o artigo 2 do Marco comunitario (2014/C 198/01), non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do artigo 107.1 do Tratado de funcionamento da Unión Europea. É importante aclarar que, se o proxecto en que participa o organismo debe ser notificado á CE de forma previa á súa aprobación, a posible axuda que se conceda ao organismo tamén quedará en suspenso pendente da decisión da Comisión e axustarase a ela.
Entidades beneficiarias
Poderán ser beneficiarios destas axudas:
a) Empresas industriais tractoras, validamente constituídas e con residencia fiscal ou un centro de traballo permanente en Galicia, que poidan liderar proxectos empresariais de I+D de carácter estratéxico que cumpran as características recollidas no artigo 6 da presente resolución. As empresas deberán ser privadas e, atendendo ao seu tamaño, poderán ser medianas ou grandes, segundo as definicións incluídas no anterior artigo 2 para, a través do seu liderado, exerceren un efecto tractor sobre o resto de axentes do Sistema galego de innovación, especialmente entre empresas de menor tamaño.
b) Agrupacións dunha empresa ou empresas, pero sempre do mesmo grupo empresarial, e un organismo de investigación, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007) que realicen proxectos en cooperación.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes desta primeira convocatoria do programa Industrias do Futuro iníciase a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 30 de agosto de 2016.