viernes, 26 de agosto de 2016

BOLSAS PARA PERSOAS COLABORADORAS NA RESIDENCIA DO CENTRO GALEGO DE TECNIFICACIÓN DEPORTIVA

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión das bolsas por parte da Secretaría Xeral para o Deporte destinadas a estudantes para a súa participación como persoal colaborador na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en diante, CGTD), co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia de deportistas menores de idade do CGTD mentres que os beneficiarios das bolsas completan a súa formación como estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior, familiarizándose coa realización de actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.
Os beneficiarios das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Padre Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte e durante o curso escolar 2016/17.
O número de prazas convocadas é de 5, precísanse polo menos 2 prazas ocupadas polo mesmo sexo (feminino ou masculino) e as 3 restantes ocupadas por solicitantes do sexo contrario ás anteriores, co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias das bolsas para persoal de apoio no Centro Galego de Tecnificación Deportiva todas aquelas persoas que cumpran os requisitos detallados a seguir:
a) Ter entre 19 e 30 anos feitos no momento en que se publica a convocatoria.
b) Estar empadroado en Galicia no momento de presentar a solicitude.
c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria, ou un ciclo formativo de grao superior.
d) Non estar propostos para unha bolsa de deportista no CGTD nin ser beneficiario da citada bolsa como deportista no momento da solicitude.
e) No caso de estudantes que tivesen sido bolseiros como deportistas bolseiros na residencia do CGTD, será necesario:
– Que a súa estadía no CGTD fose valorada como positiva polo equipo directivo do centro.
– Que pasase polo menos 1 ano desde que rematasen a súa estadía como deportistas bolseiros ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.
f) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.
Prazo de solicitude
 O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo finaliza o derradeiro día do mes.